
Paloma Castro esixiulle ao Goberno de Rueda que abandone “a batalla propagandística e a manipulación” e recordou que o PSdeG defende desde hai unha década unha actuación que considera “prioritaria”
Instou á Administración autonómica a ampliar a zona de actuación, a garantir que o traslado temporal dos bancos marisqueiros afectados polo proxecto se realice con carácter previo ás obras e a que se teña en conta ás confrarías no proceso
O Grupo Socialista no Parlamento Galego demandoulle esta mañá á Xunta que para a dragaxe do esteiro do río Lérez se teña en conta a posible contaminación dos lodos e se inclúa no proxecto o tratamento deses sedimentos. A deputada Paloma Castro recordou que o ministerio esixe que se analicen mostras dos materiais para comprobar a súa categoría e se conteñen metais pesados. A parlamentaria socialista criticou que a Xunta respondese “botando as mans á cabeza”, xa que “non parece descabellado” garantir que non hai presenza de, por exemplo, mercurio, en áridos que os responsables autonómicos “pretenden botar ao mar”.
“Se por desgraza algúns dos áridos non son de categoría A, que van facer? Por que non contemplan tratalos en terra?, preguntou Castro, que sinalou que os custes son asumibles e evitarían “unha agresión medioambiental”.
Tamén invitou ao Goberno autonómico a rematar coa súa “batalla propagandística” para tratar de “manipular” á opinión pública en relación cunha actuación que “semella non ter interese en levar a cabo”.
Paloma Castro lembrou que o PSdeG defende a dragaxe do Lérez desde hai unha década e insistiu en que se trata dunha intervención “prioritaria”, máis debe acometerse “con todas as garantías medioambientais”.
Por outra banda, defendeu que, debido ao paso do tempo e á acumulación de novos sedimentos, é necesario ampliar a zona de actuación. “Permitiría renaturalizar a zona do río próxima ao centro urbano, mellorar a súa biodiversidade, recuperar os hábitats naturais e posibilitar a práctica deportiva e recreativa en condicións axeitadas”, sinalou.
A iso uniu a necesidade de que a Xunta garanta que o traslado temporal dos bancos marisqueiros durante as obras se realice antes do inicio dos traballos. Trátase dun proceso que, segundo dixo, “debe realizarse coa máxima dilixencia e sempre avalado por informes técnicos especializados que garantan a protección do recurso marisqueiro”. Reclamou, ademais, que se teña en conta ás confrarías afectadas.