

César Mogo censurou o “oportunismo” dos nacionalistas por presentar na Cámara Alta unha iniciativa en relación cunha medida que xa anunciou o Executivo e criticou que os populares voten “unha cousa en Galicia e outra en Madrid”
O senador do PSdeG César Mogo censurou hoxe o que cualificou de “oportunismo” por parte do BNG, que levou ao pleno do Senado unha iniciativa a través da que lle preguntaba ao Goberno se ía eximir do pago de cotas á Seguridade Social ás mariscadoras afectadas por inactividade forzosa a causa da mortalidade de bivalvos.
Mogo recordou que se trata dunha medida que o propio Executivo xa anunciou en días pasados e que, de feito, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e o secretario xeral do PSdeG, xa lle avanzaron ao colectivo.
Tal como advertiu o parlamentario socialista, e como sinalou a ministra Elma Saiz na súa intervención na sesión, trátase dunha medida que se debe fixar por lei, e por iso mesmo o Goberno vai levar ao Congreso a súa aprobación. Por iso, ambos solicitaron o apoio dos grupos políticos.
Lembraron tamén a posición do Grupo Socialista cando o asunto se tratou na Comisión de Pesca do Senado o pasado 28 de abril. O PSOE apoiou unha medida que o PP rexeitou. Pero ese mesmo día, os populares reclamárona no Parlamento galego. “Votan unha cousa en Galicia e outra en Madrid”, subliñou César Mogo.
A ministra de Seguridade Social reprochoulle ademais ao PP que mentres gobernaba non desenvolveu ningunha medida en favor das profesionais do sector. Pola contra, o Executivo de Pedro Sánchez impulsou, entre outros, beneficios como o adianto da xubilación”.