
A secretaria de Organización Lara Méndez clausura un acto aberto pola secretaria de Lingua Silvia Longueira, no que participaron Camilo Franco, Anna Figueiredo, Fina Roca e Carolina Núñez
A secretaria de Organización do PSdeG Lara Méndez reivindicou hoxe en Santiago á lingua como “ferramenta de identidade” no encontro organizado polos socialistas galegos baixo o título “Libro, Letras e Redes” dentro da Semana das Letras Galegas. Méndez clausurou o encontro moderado pola portavoz de Lingua no Grupo Socialista do Parlamento, Silvia Longueira.

O acto, celebrado no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, contou coa participación do xornalista e escritor Camilo Franco, a profesora e escritora Anna Figueiredo, a educadora e escritora Fina Roca e a deseñadora e editora Carolina Núñez. A propia Méndez foi a encargada de pechar o acto que serviu para situar á lingua como patrimonio, sinal distintivo e maior fortaleza da cultura galega, e un “vehículo único para entender o mundo dun xeito particular e cunha visión singular”.
Este encontro celebrado hoxe continúa coa rolda de actos organizados polos socialistas galegos que comezaron onte na Coruña, onde o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, os responsables de Lingua dos socialistas vascos e catalanes, Paui Blasi e Inma Ferret, e o eurodeputado galego Nicolás González Casares compartiron as súas reflexións fronte ao acoso e derribo contra o galego encetado polos gobernos do PP nos últimos 17 anos.
Os actos da Semana das Letras Galegas organizados polos socialistas galegos culminarán o próximo domingo en Ferrol, onde celebrarán unha Foliada das Letras con varios actos lúdicos para celebrar o galego como símbolo de identidade e poñer o acento na situación de perigo fronte á decisión política do PP dende o goberno autonómico.