
Aitor Bouza advirte que as vítimas e as súas familias precisan dunha Administración “que as acompañe e protexa”, nunca que “continúe cuestionando nos tribunais a súa responsabilidade ante feitos acreditados xudicialmente”
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que indemnice “de inmediato” á familia do menor da comarca de Santiago vítima de acoso escolar. Bouza critica que o goberno galego pretenda recorrer diante do Tribunal Supremo a sentenza que a obriga a indemnizar á familia da vítima con 9.000 euros.
O responsable socialista sinala que a decisión de continuar litigando resulta “profundamente desacertada dende o punto de vista político, institucional e humano”. Sinala que as vítimas e as súas familias “precisan dunha Administración que as acompañe e protexa, e non dunha Administración que continúe cuestionando nos tribunais a súa responsabilidade ante feitos xa acreditados xudicialmente”.
Lamenta que o Goberno galego opte por prolongar a vía xudicial, “lonxe de asumir responsabilidades e poñer o foco na reparación do dano causado e na mellora dos mecanismos de prevención”. Sinala que a loita contra o acoso escolar require de “moito máis que protocolos formais”, e reclama “recursos suficientes, reforzo da orientación educativa, atención psicolóxica especializada e formación permanente para o profesorado”.
Reclama ademais “mecanismos de detección precoz e unha actuación inmediata e coordinada ante calquera indicio de violencia ou intimidación no ámbito escolar”, xusto nas antípodas da mensaxe errada que pretende enviar o Goberno galego ao recorrer unha sentenza “que recoñece o sufrimento padecido polo menor e a neglixencia da Administración educativa”.