

Carmen Rodríguez Dacosta reclamoulle á Xunta un plan para impulsar políticas de emprego e desenvolvemento económico “que favorezan a implantación de actividades industriais e servizos avanzados”, e xerar así postos de traballo estables “e con retribucións dignas”
A deputada socialista advertiu que o problema “está na calidade do emprego e no modelo produtivo que sustenta ese emprego”, algo que sinalan datos como que unha hora de traballo vale na provincia “4 euros menos que en Galicia, 7 menos que en España e 11 menos que en Europa”
“Cando analizamos os datos oficiais da Axencia Tributaria, do Instituto Galego de Estatística e do Servizo Público de Emprego, atopamos unha situación de verdade grave: Ourense non está a converxer co resto do territorio”. A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta alertou así hoxe da evolución dos salarios nunha provincia “que está a quedar atrás”.
Dacosta defendeu esta mañá en comisión unha iniciativa a través da que lle reclamou á Xunta un plan específico co fin de atallar ese problema, “impulsando políticas de emprego e desenvolvemento económico que favorezan a implantación de actividades industriais e de servizos avanzados” e xerar, dese xeito, postos de traballo estables “e con retribucións dignas”.
A parlamentaria socialista denunciou que desde que o PP goberna en Galicia, a fenda salarial que existe entre os traballadores e traballadoras de Ourense e os do conxunto da comunidade incrementouse en arredor dun 65 %. “Cobran case 2.000 euros menos”, advertiu tras sinalar que, mentres en 2009 esa distancia se situaba nos 1.178 euros, na actualidade está xa en 1.938. Explicou tamén que o salario medio anual na provincia, de 22.294 euros, é 2.668 euros inferior ao do conxunto do Estado e 3.665 ao da provincia da Coruña.
Na súa intervención, apuntou un dato “que explica moi ben a dimensión do problema”, como é o pago por hora traballada. “En Ourense estímase en arredor de 18,30 euros; en Galicia, a media sitúase en 22,50; en España, en 25,6, e na Unión Europea, en 29,6”, explicou.
“Estamos ante unha inxustiza que o Goberno galego non debe normalizar”
“Iso significa que unha hora en Ourense vale 4 euros menos que en Galicia, 7 menos que en España e 11 menos que en Europa, e cando unha persoa traballa o mesmo tempo, co mesmo esforzo e cobra moito menos polo simple feito de vivir nun lugar, estamos ante unha inxustiza que o Goberno galego non debe normalizar, e debe actuar”, afirmou.
Rodríguez Dacosta sinalou que o problema “está na calidade do emprego e no modelo produtivo que sustenta ese emprego”, xa que Ourense “crea emprego de baixo valor engadido”. “Máis do 70 % das persoas afiliadas á seguridade social traballan no sector servizos, que na provincia está vinculado a actividades de baixo valor engadido, cunha alta temporalidade e baixos salarios”, engadiu. Pola contra, a industria representa pouco máis do 14 % da afiliación.
A iso engádese que máis da metade das empresas non teñen ningún empregado, “pero case o 30 % teñen menos de dous, é dicir, estamos ante un tecido empresarial moi fragmentado e sen capacidade real para manter emprego estable e ben remunerado”, salientou a deputada socialista.
“Con poucas empresas fortes, sen industria, sen innovación, sen sectores de alto valor engadido, non hai salarios dignos, e iso non é responsabilidade dos traballadores e traballadoras. É responsabilidade das políticas económicas e de emprego da Xunta, porque mentres noutras provincias existen grandes empresas tractoras que elevan os salarios medios e ofrecen emprego cualificado, Ourense segue á marxe”, argumentou.
Carmen Rodríguez Dacosta sinalou os efectos desa situación. “Iso explica por que a mocidade marcha”, asegurou, e recordou que no último medio século Ourense perdeu máis de 135.000 habitantes, “e nos últimos cinco anos, mentres España medraba máis dun 3 % e Galicia un 0,6, a provincia non medraba”.
Por último, criticou que, ante situacións coma a que denunciou, o Goberno do PP “está máis ocupado e preocupado en anunciar medidas que criminalizan aos traballadores e traballadoras que se atopan en incapacidade temporal”.