
Silvia Longueira denuncia a “falta de transparencia” da directora xeral, Concepción Pombo, que “nunca tivo unha visión democrática nin un comportamento transparente”
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CSAG, Silvia Longueira , acusou á dirección do ente de agochar o custe do cambio de imaxe de CRTVG á actual denominación”. Longueira presentou unha pregunta oral na sesión de hoxe da Comisión na que criticou a “falta de transparencia” por parte da dirección do ente, que dificulta deliberadamente a fiscalización do proceso.
Criticou que a directora xeral, Concepción Pombo, empregara hoxe o eufemismo da “adaptación progresiva e orgánica” para evitar dar os datos reais do custe do proceso de cambio de imaxe, o que confirma que “nunca tivo unha visión democrática nin un comportamento transparente”. Longueira lembrou que o ente manexa un orzamento de máis de 120 millóns de euros anuais de diñeiro público pero a día de hoxe non explicaron os investimentos nin os sistemas de contratación do ‘rebranding’.
A parlamentaria socialista afeoulle á directora xeral que “para vir a non dar ningún dato teña que ler o seu discurso nun papel”. Ademais, engadiu que “o problema non é canto custou” o procedemento, senón que a súa falla de transparencia impide a fiscalización dende a Cámara autonómica, e insistiu que “non se esqueza que estamos a falar de cartos públicos.
Silvia Longueira cuestionou a xestión do ente por parte da actual dirección, que vén de externalizar os directos cun custe que supera os 11 millóns de euros en 14 anos, nunha nova decisión cuestionada polo Consello de Contas.