

Carlos López Font reclama un “exercicio de realismo” para permitir faenar logo de mes e medio sen poder traballar polas condicións meteorolóxicas
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Carlos López Font, criticou hoxe a “cerrazón e falta de diálogo” do PP e do goberno galego ao negarse a permitir a pesca nas fins de semana de xeito excepcional. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Pesca para que o goberno galego flexibilice as restricións laborais para os pescadores que tiveron que estar parados mes e medio polos temporais do inverno, pero que o PP votou en contra.
López Font explicou que a normativa da Xunta impide faenar en fin de semana aos pescadores galegos, provocando ademais un agravio comparativo con outras comunidades autónomas como Asturias e Cantabria, que si o autorizan de forma excepcional, ou mesmo Portugal. Reclamou un “exercicio de realismo” e que abran a man para modificar o Decreto 15/2011 para permitir faenar con circunstancias excepcionais xustificadas que así o motiven.
Explicou que o tempo que estiveron en terra, sen recibir ningún tipo de ingreso, as confrarías mantiveron os custes fixos, como seguros, cotizacións ou gastos de mantemento, polo que “semella razoable que o goberno galego busque solucións para paliar estes efectos económicos. Por iso reclama que abran un proceso de diálogo cos representantes do sector para afrontar unha resposta coordinada diante desta situación.
Hipocrisía política do PP
López Font criticou a hipocrisía política do PP, que no Concello de A Guarda, onde o alcalde do PP apoiou esta mesma proposta que tamén presentou o PSdeG, pero hoxe rexeitan no Parlamento, o que supón un “non aos nosos pescadores” precisamente cando están a pasar os momentos máis duros.
Explicou que na confraría da Guarda calculan unha caída de ingresos do 22 por cento global, con unidades que aumentan ata o 40 por cento, e outras confrarías como a de Pontevedra falan directamente dunha “catástrofe económica”.