

Besteiro interpelará no pleno ao presidente da Xunta sobre qué garantías ofrece de que os recursos públicos non se utilizan como instrumento de influencia política para conseguir apoios que as urnas non lle deron
Sanidade, Altri, incendios e a moción de censura en Lugo son os temas que o Grupo Parlamentario Socialista levará á próxima sesión plenaria
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026. A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, criticou hoxe que o presidente da Xunta volvera de China cun anuncio “como sempre que hai algo que tapar”. Tras a Xunta de Voceiros, Méndez referiuse ao anuncio sobre a posible chegada da fábrica de SAIC Motors a Galicia, que considera un titular máis na liña dos de Pemex ou Altri. “Moita foto, moitos titulares, e ao final, sempre queda todo en nada”, advertiu.
Para a viceportavoz socialista, ese anuncio non cambia nada do que había antes da viaxe. Méndez sinalou directamente a Rueda e á portavoz popular en Lugo como instigadores “dunha operación construída sobre o transfuguismo e sobre a traxedia, aproveitándose da morte da alcaldesa e de dous concelleiros socialistas”. “Iso non é política. É oportunismo sobre o sufrimento dunha cidade”, subliñou.
Méndez denunciou que Rueda “marchou a China cando estalou o escándalo” e advertiu de que volverá ausentarse no vindeiro pleno. “A sesión de control altérase outra vez para que o señor Rueda poida viaxar a Bruxelas e agocharse para evitar dar a cara, xusto cando esa mesma semana se vai producir, previsiblemente, a moción de censura”, afirmou.
Por iso, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, preguntará na sesión de control que garantías pode ofrecer o Goberno galego de que os recursos públicos “se destinan exclusivamente ao interese xeral e non como instrumento de influencia política para conseguir apoios que non logran nas urnas”. “As mocións de censura con tránsfugas teñen un prezo. A cidadanía de Lugo, e a de Galicia, ten dereito a sabelo”, engadiu.
A dirixente socialista lembrou unha frase que Besteiro xa repetiu noutras ocasións: “Quen non ten límites para acceder ao poder non vai ter límites para gobernar”. Os socialistas presentarán tamén unha pregunta urxente para coñecer o compromiso real do Goberno galego cos principios de integridade institucional e de ética pública.
Méndez tamén respondeu á escusa que Rueda leva días empregando sobre a situación da sanidade. “Que diga agora que el non era presidente, cando forma parte deste Goberno desde hai dezasete anos e tamén como vicepresidente, é unha burla aos galegos e ás galegas”, afirmou. A viceportavoz lembrou que o maior patrimonio que ten unha persoa é a súa saúde e que banalizar a deterioración da atención primaria é unha tomadura de pelo.
Atención primaria, Altri, incendios, marisqueo e Betanzos
En materia de servizos públicos, o Grupo Socialista rexistrou unha interpelación para reclamarlle ao conselleiro de Sanidade que reformule o modelo de atención primaria, contratando máis persoal, mellorando as condicións laborais, incrementando as categorías profesionais e garantindo a conexión efectiva entre saúde mental e atención primaria. Nesa mesma liña, o grupo formulará unha pregunta oral sobre o caso do Porriño, onde o Goberno galego non consegue cubrir as prazas vacantes nun centro de saúde dun concello que xa rolda os 21.000 habitantes.
O grupo socialista presentará tamén unha proposición non de lei para que o PP “se retrate” e vote pola denegación definitiva do proxecto industrial de Altri en Palas de Rei. A iniciativa pide denegar a concesión de augas e a declaración ambiental estratéxica, garantir a protección ambiental da zona afectada, dar cumprimento íntegro á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e reverter calquera actuación administrativa que provoque unha desprotección. “Para os socialistas galegos, o medio ambiente é unha preocupación fundamental e constante, que non depende do día nin dos acordos que se asinen coa ultradereita”, subliñou.
Os incendios forestais centrarán outra das iniciativas socialistas. O grupo levará unha moción para reclamarlle ao Goberno galego un modelo integral de prevención e planificación “que se centre dunha vez en evitar os incendios antes de que se produzan, porque é o único xeito de que despois non teñamos que lamentar catástrofes e perdas evitables”.
Outra proposición non de lei reclama un plan integral de apoio ao marisqueo, que priorice as medidas directas ás traballadoras e entidades do sector. O grupo socialista pide publicar canto antes as ordes de axudas e reducir os prazos administrativos para que cheguen en tempo, “fronte á caída drástica que está a sufrir a produción”.
Por último, o grupo formulará unha pregunta á conselleira de Política Social para que explique por que non quere construír un centro de maiores no concello de Betanzos, un equipamento imprescindible para unha área de poboación que supera os 39.000 habitantes.