

A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista denuncia sete meses de bloqueo deliberado para impedir que o PSdeG cubra a súa vacante no Consello de Administración da CRTVG, nun momento en que os informativos da TVG acumulan unha caída de audiencia do 40% e a dirección da CSAG manipula os datos para tapar o fracaso
A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, compareceu hoxe no Parlamento galego para denunciar o que definiu como “un novo bloqueo institucional do PP contra o Partido Socialista”. Desde novembro do ano pasado, o PSdeG ten unha vacante no Consello de Administración da Corporación de Radio e Televisión de Galicia que o PP se nega a cubrir. Sete meses. Catro Xuntas de Portavoces. Un escrito formal de reclamación. E ningunha resposta.
“Estamos a falar dun órgano fundamental para garantir o pluralismo e o control democrático dos medios públicos», subliñou Méndez. «Un órgano que hoxe funciona de xeito incompleto, sen o equilibrio que lle corresponde, o que debilita aínda máis a súa escasa independencia. Menos supervisión, menos pluralidade, menos transparencia. Xusto o que pretende Alfonso Rueda”.
A viceportavoz explicou a lóxica detrás do bloqueo: o mandato do actual Consello de Administración remata o 13 de xullo. “O cálculo do PP é claro: estirar o bloqueo ata que a vacante se arrastre á renovación íntegra e así evitar que o PSdeG exerza a súa función de control. Non é casualidade, é unha manobra deliberada”. E advertiu sobre o que está en xogo: “Sen representación completa, a capacidade de fiscalizar o ente público queda recortada. E iso afecta a toda a cidadanía, non a un partido”.
Como contexto, Méndez recordou os datos de audiencia da TVG. Desde a chegada do PP á Xunta, os informativos da CRTVG acumulan unha caída próxima ao 40%. En outubro de 2025, a media do Telexornal situouse nun 10,7%, o peor dato rexistrado na súa historia. “Por primeira vez, os informativos de TVE en Galicia superan ao Galicia Noticias na súa propia casa». Mentres canles como TV3, Aragón TV ou Canal Sur melloran, a TVG afúndese. “É un problema de credibilidade. Cando a cidadanía deixa de confiar, deixa de mirar”.
“A neutralidade neste caso non existe”
Lara Méndez instou tamén ao BNG a pasar das palabras aos feitos. “O BNG di que non se opón a cubrir a vacante. Pero a realidade é que o bloqueo continúa, e aquí xa non abonda con non opoñerse. Hai que decidir de que lado se está”.
A viceportavoz foi directa: “Unha formación que di defender a pluralidade e o control democrático debe aclarar se está do lado de garantir o respecto ao pluralismo no Consello de Administración, ou se está facilitando que o PP siga utilizando os medios públicos ao seu servizo. A neutralidade neste caso non existe”.
E lanzou un aviso: “Se o BNG non actúa, será cómplice dun bloqueo que non prexudica a un partido, senón a todos os galegos e galegas. Porque cando se recorta o control e a pluralidade nos medios públicos, quen perde é a cidadanía: perde información veraz, perde transparencia e perde democracia”.
“O arquivo xudicial non exonera a Rueda”
En declaracións aos medios ao termo da rolda de prensa, Méndez respondeu ás preguntas sobre o arquivo xudicial do caso Villares. «O arquivo resolve a situación do ex-conselleiro coa Xustiza, e respectámolo. O que non resolve é a responsabilidade política de Alfonso Rueda, que soubo durante meses que un dos seus conselleiros fora denunciado por agresión sexual e calou».
A viceportavoz pediu que ninguén esqueza a secuencia: “O mesmo día en que Villares presentou a dimisión, fíxose público o nome da denunciante. Esa secuencia retrata a este Goberno. Nin Rueda nin Villares actuaron por responsabilidade política: actuaron cando a denuncia transcendeu e non lles quedou máis remedio”.
E rexeitou calquera intento do PP de reclamar autoridade moral no asunto: “Desde logo, non vai ser o PP quen nos dea leccións. Cando no noso partido houbo denuncias por acoso, aínda que fosen anónimas e no canal interno, actuouse de inmediato e esixiuse a baixa de militancia. O PP, ante unha denuncia moito máis grave contra un conselleiro, agochouna durante meses. Esa é a diferenza, e non imos pedir desculpas por iso”.