

Carmen R. Dacosta denuncia “falta de execución, falta de control e falta de planificación real” na política forestal do goberno galego, que supuxo “un ano perdido” na tramitación destas axudas
Acusa a Medio Rural de desregular a moratoria do eucalipto provocando “barra libre” para o monocultivo
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou hoxe a “improvisación” e falla de planificación na política forestal do goberno galego, logo de constatar que a chapuza coas axudas para a reforestación provocou que o sector só solicitara 2 dos 15 millóns previstos. Así o dixo na comparecencia da directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal no Parlamento, para informar precisamente da “chapuza” das axudas á reforestación.
Dacosta sinalou que a orde de 30 de decembro de 2025 de axudas á reforestación tivo que ser cambiada de plano aos poucos meses logo de que o sector só solicitara 2 millóns dos 15 que incluía en total, provocando un “ano forestal perdido” pola “falla de execución, falla de control e falla de planificación” por parte do goberno galego.
Explicou que esta xestión explica o “fracaso” da política forestal do goberno galego, “continuísta” coa inercia dun modelo reactivo que “chega tarde, actúa cando o problema xa estoupou e non é capaz de evitar que se reproduza”.
Aquela orde de axudas, dixo, “xeraba inseguridade xurídica, restrinxía excesivamente as superficies, non encaixaba coa realidade do monte galego e introducía un nivel de risco que desincentivaba completamente aos propietarios”. Criticou que tiveran que “corrixir sobre a marcha” polo seu empecinamento de tomar decisións “sen planificación, sen diálogo co sector e sen coñecer o territorio”.
O mesmo sucedeu coa orde de silvicultura produtiva e ambiental do 24 de marzo pasado, que replica o mesmo modelo de improvisación e rectificacións sobre a marcha pola decisión do goberno galego de “sacar convocatorias sen planificación” e dar marcha atrás cando se topan coa realidade dun monte galego que resulta ata 6 veces menos produtivo cando é xestionado pola Consellería do Medio Rural.
Barra libre para o eucalipto
Carmen R. Dacosta acusou ademais á Consellería do Medio Rural de permitir unha “barra libre encuberta para a plantación do eucalipto”, baleirando de contido a moratoria á prohibición da plantación desta especie.
A responsable socialista lembrou que a moratoria que comezou en 2021 fracasou no control da expansión do eucalipto, e agora danlle o remate a través da Lei de Acompañamento aos Orzamentos prorrogando a medida pero baleirada de contido. Alertou de que “unha moratoria flexible non é unha moratoria”, senón que van seguir avanzando cara a un monocultivo sen control.
Explicou que permitirán a replantación da metade da superficie con eucalipto coa escusa de problemas fitosanitarios como a banda marrón, abrindo a porta a “converter á excepción en norma”. Engadiu que “sen control, sen avaliación e sen planificación, o que temos non é política forestal, é desregulación” e un “deixar facer” especialmente grave con incendios cada vez máis complexos, un territorio vulnerable e un equilibro forestal deteriorado.
A parlamentaria socialista rematou a súa intervención criticando a falla de política forestal por parte do goberno galego e puntualizando que “Galicia xa non precisa de máis anuncios: precisa de planificación, precisa de control e dun goberno que actúe”.