
Lara Méndez denuncia o “exercicio de trileirismo” de Medio Rural, ao incorporar axudas de apenas 19,4 millóns de euros no paquete de 157 millóns polas consecuencias do conflito de Irán
A portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe á Xunta de “diluír” as axudas para paliar os danos dos temporais do inverno no sector primario dentro do paquete de medidas polos efectos da guerra de Irán. Méndez presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura do Parlamento na que criticou o “exercicio de trileirismo” do PP.
A responsable socialista alertou fronte á intención do goberno galego de limitar estas axudas aos apenas 19,4 millóns de euros que quedarán incorporados ao “caixón desastre” de 157 millóns anunciado polo goberno galego, que palidece fronte aos 1.000 millóns aprobados por Euskadi. Criticou que utilicen estas partidas como “comodín e parapeto onde escudarse para dicir que xa o están a facer”.
A responsable socialista alertou de que eses 19,4 millóns de euros son “absolutamente insuficientes” para apoiar a un sector maltratado por un inverno con 76 episodios catastróficos e 10 borrascas consecutivas. Reclamou axudas “específicas e complementarias” para afrontar os danos económicos que supoñen a perda de explotacións, retrasos nas sementeiras, dificultades no acceso ás fincas, ás tarefas de poda e abonado e os problemas derivados para as reses.
Reclamou axudas a partir dunha avaliación exhaustiva dos danos sufridos durante o inverno, ademais de axudas administrativas excepcionais, a moratoria no pago de impostos e taxas vencelladas á actividade e o reforzo dos servizos de asesoramento técnico para o sector.