

Paloma Castro reivindica un Plan de axudas ”áxil, eficaz e consensuado” co sector diante do “escenario devastador” logo dun inverno que arrasou coa práctica totalidade da produción
A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta un Plan de axudas “áxil, eficaz e consensuado co sector marisqueiro” para garantir a súa supervivencia logo dos temporais do inverno que deixaron un “escenario devastador”. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca na que criticou que o goberno galego continúa sen anunciar as medidas previstas para afrontar a peor crise da súa historia.
Castro reclamou axudas directas ás persoas traballadoras do mar para que poidan asumir o pago das cotas á Seguridade Social para as mariscadoras e mariscadores, con axudas equivalentes ao salario mínimo ou a prórroga automática de permisos e concesións ata a recuperación do recurso. Tamén reclamou un seguro público de produción marisqueira e compensacións por perdas tanto para mariscadores como para as bateas.
Reclamoulle ao goberno galego que escoite aos representantes do sector para poñer enriba da mesa “medidas sociais propias” adaptadas á realidade galega, así como apoio técnico para recuperar os bancos marisqueiros, e todo iso con garantías de democracia interna e igualdade, protexendo o papel das mulleres. Reclamou un Plan plurianual de recuperación das rías deseñado en colaboración directa coas confrarías, agrupacións de mariscadoras e organizacións bateeiras.
Ademais, lembrou que as confrarías están a pedir unha declaración de zona catastrófica que agora mesmo depende de que o goberno galego facilite os datos das mostras oficiais sobre o estado dos bancos.
O sector reclama ademais un Plan de Augas de Galicia para reforzar o control dos vertidos, incluíndo un sistema público de alerta e un sistema de xestión do baleirado dos encoros. Reclama un protocolo que determine os niveis de auga e os volumes de auga liberados en función das mareas para evitar a mortalidade de moluscos pola chegada masiva de auga doce, o desaugamento progresivo e a comunicación ás confrarías e concellos afectados.
Esixiulle ao goberno galego que actúe a poña enriba da mesa medidas consensuadas co sector para que respondan ás súas necesidades reais logo da situación de mortalidade masiva que ten sinalado o propio patrón maior da Confraría da Illa Arousa. Sinalou que “está practicamente todo inerte” nos bancos desta zona que acumula o 43,51 por cento dos permisos de marisqueo de Galicia.