

Lara Méndez critica que a Xunta chegue tarde á planificación contra incendios e poña o foco nos traballadores en lugar de reforzar o sistema sanitario
O Grupo Socialista interpelará ao Goberno galego sobre economía, saúde mental e infraestruturas educativas
A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe á Xunta de Galicia de “deixar á cidadanía sen defensa” ante a subida dos prezos, nun momento no que, segundo denunciou, o Goberno autonómico “renuncia a utilizar os seus propios recursos, debilita deliberadamente a súa capacidade financeira e opta pola confrontación co Estado en lugar de dar respostas”.
Méndez advertiu de que Galicia está a pagar “un dobre custo”: o da inflación e o dunha Xunta “que decide non actuar cando máis falta fai”, tras coñecerse que o IPC medrou ata o 3,8 %, por riba da media estatal. “Mentres outros gobernos reaccionan, aquí seguimos con medidas testemuñais e claramente insuficientes”, sinalou.
A viceportavoz avanzou que o vindeiro pleno comezará coas preguntas ao presidente da Xunta, onde o secretario xeral socialista, José Ramón Gómez Besteiro interpelará a Rueda sobre as medidas para fortalecer a economía galega nun contexto de presión sobre familias e empresas.
Neste sentido, criticou que o Executivo galego rexeite a quita da débeda e, ao tempo, “detraia 793 millóns de euros en rebaixas fiscais que benefician fundamentalmente ás rendas máis altas”. “Están a reducir ingresos públicos mentres deixan sen protección a quen máis o necesita”, resumiu.
Méndez contrapuxo esta situación coa doutros territorios que están a mobilizar máis recursos e afeou ao Partido Popular que se posicionase en contra dun paquete estatal de máis de 5.000 millóns de euros con impacto directo en Galicia. “O único que saben facer é confrontar co Estado, mentres son incapaces de activar políticas propias eficaces”, engadiu.
A nivel industrial, advertiu da “falta absoluta de modelo” da Xunta, reducida, ao seu xuízo, á aposta por unha macrocelulosa en Palas de Rei “que non conta con apoio social e que incumpre condicións ambientais e económicas básicas”.
Incendios, sanidade e educación no foco do pleno
No ámbito sectorial, os socialistas levarán ao pleno unha interpelación para esixir planificación preventiva en materia de incendios forestais. Méndez denunciou que o Pladiga se aprobou onte, cinco meses e medio fóra de prazo do que correspondería. “Estamos en abril e seguimos chegando tarde. O desleixo da Xunta está a poñer en risco o noso medio natural, as propiedades e a forma de vida de moitas persoas”, advertiu.
Tamén anunciou unha pregunta urxente sobre a situación das baixas laborais, criticando que se volva poñer o foco nos traballadores “sen atender ás condicións laborais nin á falta de persoal sanitario tras anos de recortes”.
En materia sanitaria, o PSdeG presentará unha proposición non de lei para esixir a consolidación dun sistema de atención á saúde mental acorde ás necesidades actuais, lembrando que compromisos neste ámbito seguen sen cumprirse malia teren sido aprobados no Debate do Estado da Autonomía.
No eido educativo, reclamarán máis investimento para a rehabilitación e ampliación de infraestruturas, defendendo que “non pode haber boa educación sen espazos dignos e adecuados”.
A iniciativa parlamentaria completarase cunha proposta para garantir un sistema “regulado, transparente e obxectivo” na distribución do canon da auga, fronte ao modelo actual, que cualificou de discrecional, e cunha pregunta sobre a mobilidade do persoal público nos servizos sociais da Xunta.
“Somos un partido municipalista e o noso obxectivo é transformar a vida da xente”
A preguntas dos xornalistas sobre o escenario electoral, Méndez subliñou que o PSdeG afronta sempre as eleccións municipais como “unha cita clave”. “Somos un partido municipalista e o noso obxectivo é reforzar o poder local, porque é desde os concellos onde se transforma o día a día da cidadanía”, afirmou.
Sobre a convocatoria de eleccións xerais, lembrou que se trata dunha decisión que corresponde ao presidente do Goberno e reiterou que se producirán unha vez esgotada a lexislatura.
Xuíz Peinado
En relación co funcionamento da xustiza e preguntada polas actuacións do xuíz Juan Carlos Peinado, Méndez advertiu de que determinadas dinámicas xudiciais poden ter consecuencias que van moito máis alá do ámbito estritamente xurídico.
A viceportavoz lembrou que en Galicia xa se viviron situacións nas que actuacións xudiciais sen o debido rigor acabaron xerando un forte impacto político, institucional e tamén económico. Citou expresamente casos que afectaron a dirixentes socialistas como José Ramón Gómez Besteiro, Xosé López Orozco, Francisco Rodríguez Sánchez e a ela mesma.
“Non falo só do dano persoal ou político. Ao final, isto tradúcese nun dano ás institucións e á propia cidadanía”, sinalou.
Méndez puxo como exemplo o ocorrido na cidade de Lugo, onde a incerteza derivada de procesos xudiciais prolongados acabou condicionando incluso a participación de empresas en contratación pública. “Houbo empresas que deixaron de presentarse porque todo acababa xudicializado, e iso tamén é un prexuízo directo para a xente”, explicou.
Neste sentido, defendeu con claridade a separación de poderes, pero insistiu en que “cada ámbito debe exercer as súas funcións con rigor, independencia e responsabilidade”, reclamando que a actuación xudicial estea sempre á altura das garantías que esixe un Estado de dereito.