

Carlos López Font advirte que o “pouco atractivo” do programa para os profesionais do mar evidencia que se trata dunha “estratexia de propaganda da Consellería sen base real”
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Carlos López Font, afeoulle hoxe ao director xeral de Pesca que o proxecto estrela do seu departamento para a dixitalización do sector do mar está a ter unha acollida “mínima”, amosando o pouco atractivo para os profesionais. Na comparecencia do alto cargo para presentar a estratexia de dixitalización do mar, López Font revelou que o Xesmar apenas agrupa a 8 das 63 confrarías de Galicia.
O proxecto tampouco recibe unha especial acollida entre as mariscadoras, o que demostra o fracaso do goberno galego á hora de darlle resposta ás necesidades do sector, e que confirma que responde a unha “estratexia de propaganda da Consellería sen base real”.
López Font reclamou unha dixitalización “xusta, gradual e con apoio público”, que consolide este proceso como motor de modernización, pero acompañado de axudas para a transición dixital e adaptado ás particularidades do sector artesanal, que non se debe ver prexudicado polo novo escenario..
Defendeu a dixitalización como ferramenta para reforzar o liderado do sector, xerar emprego cualificado e integrar novas tecnoloxías ao sector con plenas garantías para aproveitar ao máximo os beneficios que pode aportar sinaladamente na innovación, a mellora da comercialización e o incremento da competitividade da pesca galega.