

Patricia Iglesias censura a “irresponsabilidade fiscal” do goberno galego, que renuncia á proposta do Estado logo de ter triplicado a débeda dende 2009, pasando de menos de 4.000 a máis de 12.000 millóns de euros
A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, criticou hoxe a “irresponsabilidade fiscal” do goberno galego por renunciar á quita de 4.000 millóns de euros de débeda pública posto enriba da mesa polo Executivo central. A responsable socialista interveu na comparecencia no Parlamento do secretario xeral técnico e do Tesouro do goberno galego, ao que lle reclamou que acepten a condonación da débeda e negocien un mellor financiamento para Galicia.
Iglesias lembrou que os gobernos do PP multiplicaron por tres a débeda de Galicia, pasando dos 3.923 millóns de euros en 2009 aos máis de 12.000 que ten hoxe Galicia, o que supón dedicar cada ano por riba dos 1.700 millóns de euros ao pago de xuros. Por iso dixo que aceptar a proposta do Estado para eliminar un terzo da débeda total da Comunidade Autónoma é “de sentido común”, xa que suporá menos xuros, menos risco finnaceiro e máis capacidade de investimento futuro”.
Mentres outras comunidades autónomas como Asturias, Castela A Mancha ou Cataluña si que van aceptar a quita da débeda, Galicia continúa cun goberno do PP “instalado na ambigüidade e no bloqueo”. O mesmo bloqueo, dixo, que os leva a negarse a negociar o modelo de financiamento autonómico, rexeitando de plano a proposta inicial que suporía 587 millóns de euros adicionais para Galicia, malia que supera claramente os 500 millóns de euros que pedía Rueda hai 10 meses.
Ambigüidade e bloqueo do PP
Patricia Iglesias criticou que o goberno galego estea instalado “na ambigüidade e no bloqueo político” porque continúan sen presentar unha proposta propia. Emprazou a aproveitar o debate na Comisión de Estudo sobre o financiamento autonómico reactivada por iniciativa do Grupo Socialista para “construír unha posición común de Galicia” e amosar vontade política e a “defender os intereses do país con rigor”.
A responsable socialista advertiu que a negativa a negociar o financiamento para Galicia por parte do PP suporá “menos recursos, menos servizos e menos capacidade de futuro”, polo que emprazou ao goberno galego a “aceptar a quita, negociar o financiamento e exercer un autogoberno fiscal responsable” como forma de “defender a Galicia”.