
O líder dos socialistas galegos sitúa a residencia de As Gándaras como exemplo de que a política social do goberno galego “chega tarde e mal”
Asistiu á concentración de familiares e usuarios da residencia xunto co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e representantes públicos e orgánicos do PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao goberno galego de xestionar a política social “de costas ás persoas”. Así o dixo durante a concentración de familiares e usuarios da residencia de maiores de As Gándaras -Lugo-, xunto co alcalde da cidade, Miguel Fernández, que leva participando nas concentracións dende o inicio, a finais de novembro, en protesta pola reforma imposta dende a Xunta que afecta directamente á calidade de vida e ao benestar dos residentes.
O líder dos socialistas galegos puxo o caso desta residencia como mostra do que “os socialistas galegos levamos anos denunciando: que a política social en Galicia chega tarde e mal”, logo de que a Xunta iniciara unha reforma que non ten en conta a necesidade de intimidade e a tranquilidade dos usuarios. Aludiu a que este proxecto vai incorporar habitacións compartidas eliminando o único espazo privado do que dispoñían os residentes.
Criticou a falla de investimento nun pilar fundamental para o benestar dos maiores, e que “cando por fin se move algo, demostran que falla o enfoque”. Subliñou que “os servizos públicos de coidados necesitan máis recursos, pero tamén outra maneira de facer as cousas” porque, engadiu, “non abonda con anunciar reformas, senón que hai que escoitar, planificar ben e poñer ás persoas no centro”.
O responsable socialista interveu durante a protesta para reclamar que “se esta intervención é unha oportunidade, que o sexa de verdade” e que sirva “para mellorar as condicións e non para xerar máis incerteza”.