

O secretario xeral do PSdeG reprocha ao presidente da Xunta de Galicia que converta a desinformación nun método de goberno e lle esixe respostas sobre sanidade, vivenda, dependencia e financiamento
No ámbito sanitario, Besteiro desmontou a tese de que a falta de médicos en atención primaria sexa responsabilidade do Goberno do Estado. Lembrou que nunca houbo tantas prazas MIR como na actualidade e sinalou que o problema en Galicia é de planificación e xestión. “Non se pode ocultar que hai 50.000 persoas agardando por unha operación cun bulo tras outro”, afirmou
Subliñou que 29.133 persoas están inscritas no rexistro de demandantes de vivenda pública da Xunta, nun contexto no que a compra e o alugueiro son inaccesibles para milleiros de persoas e criticou os anuncios reiterados desde 2022 e advertiu de que, mesmo cumprindo as previsións anunciadas polo Goberno galego, non cubriría nin o 30% da demanda actual
Asegurou que Galicia merece respostas, explicacións e un goberno que deixe de trolear aos galegos e ás galegas cada vez que hai un problema real enriba da mesa: “Ter o respecto do Parlamento e do pobo galego é vir aquí e contestar as preguntas”, afirmou
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de utilizar a desinformación como estratexia política para evitar dar explicacións sobre os principais problemas que afectan a Galicia. Fíxoo na sesión de control ao presidente no Parlamento, onde denunciou que “hai políticos que gobernan tomando decisións e explicándoas, e hai outros que esquivan responsabilidades e preguntas”.
“En Galicia os bulos non só xorden das redes sociais ou das marxes, tamén saen do propio Consello da Xunta. E iso é o máis grave”, advertiu. Ao seu xuízo, o presidente “converteu a confusión nun método e a confrontación nunha forma de gobernar”.
Así, no ámbito sanitario, Besteiro desmontou a tese de que a falta de médicos en atención primaria sexa responsabilidade do Goberno do Estado. Lembrou que nunca houbo tantas prazas MIR como na actualidade e sinalou que o problema en Galicia é de planificación e xestión. “Non se pode ocultar que hai 50.000 persoas agardando por unha operación cun bulo tras outro”, afirmou.
En materia de vivenda, subliñou que 29.133 persoas están inscritas no rexistro de demandantes de vivenda pública da Xunta, nun contexto no que a compra e o alugueiro son inaccesibles para milleiros de mozos, mozas e familias. Deste xeito, criticou os anuncios reiterados desde 2022 e advertiu de que, mesmo cumprindo as previsións anunciadas polo Goberno galego, non se cubriría nin o 30% da demanda actual. Lembrou ademais que o prezo do alugueiro nas principais cidades galegas subiu arredor dun 70 % na última década e un 10 % no último ano.
Os datos desminten o relato oficial
Sobre dependencia, cualificou de “bulo evidente” a cifra cambiante dos 2.500 ou 2.900 millóns que, segundo a Xunta, o Estado lle debe a Galicia. “Se esa débeda existe e está acreditada, reclámena. E se non a reclaman, é porque non existe”, sostivo.
No eido económico, indicou que Galicia medra por debaixo da media estatal e que a creación de emprego avanza a un ritmo sensiblemente inferior ao do conxunto de España. “Non se pode presumir mentres os datos desminten o relato oficial”, sinalou.
Tamén criticou a política enerxética da Xunta, con continuas modificacións normativas no sector eólico, e desmentiu que non se poidan facer repotenciacións en Galicia, lembrando que existen proxectos en marcha con apoio estatal.
Na súa réplica, Besteiro afeoulle ao presidente que a sesión de control “non é un debate coa oposición, senón unha obriga democrática de rendición de contas”. E aclaroulle que “ter o respecto do Parlamento e do pobo galego é vir aquí e contestar as preguntas”, afirmou.
Concluíu asegurando que Galicia “merece respostas, explicacións e un goberno que deixe de trolear aos galegos e ás galegas cada vez que hai un problema real enriba da mesa”.