
O secretario xeral do PSdeG acusou a Rueda de someter ás entidades locais a unha “asfixia deliberada” e avanzou que o partido traballará “política e xudicialmente” se é necesario co fin de acadar un financiamento xusto para as Administracións locais
“A Xunta decide o modelo, fixa os estándares que considera, amplía obrigas e traslada a factura”, denunciou o líder socialista sobre o sistema que rexe a prestación de servizos coma o SAF, os comedores escolares ou o mantemento de colexios e centros de saúde
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou hoxe que o partido iniciará unha mobilización co fin de que a nova lei de financiamento local reverta a “asfixia deliberada” á que Rueda somete aos concellos.
Besteiro compareceu na compaña do secretario socialista de Política Municipal e alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, tras a reunión da Executiva socialista celebrada esta tarde, durante a que se tratou o “saqueo” que sofren as entidades locais a mans da Xunta do PP. “O PSdeG vai actuar política e xudicialmente”, advertiu o líder socialista sobre o “incremento constante de competencias impropias” para os municipios.
“Esta situación está levando a moitos concellos a un punto límite, incluso ao borde da quebra”, subliñou, e recordou que esa situación comezou “co incumprimento manifesto do pacto local que asinara o mundo local co Goberno autonómico” presidido por Touriño. “Era xaneiro do ano 2006. Pasaron 20 anos”, remarcou.
José Ramón Gómez Besteiro destacou que xa no Comité Nacional socialista do pasado día 10 acordáronse medidas de apoio ás reivindicacións dos concellos, entre elas, darlles soporte a aqueles que decidan presentar demandas xudiciais contra a Xunta. “Naquel momento referiámonos ao infrafinanciamento do servizo de axuda no fogar”, para o que, aínda que existe un pacto sobre o incremento do seu financiamento, “non chega ao obxectivo que marca a propia lei”. O secretario xeral socialista marcou ese obxectivo en que a Xunta asuma o custe na súa totalidade, “que chegue ao 100 %”.
Besteiro referiuse tamén a outras competencias impropias “que a Xunta impón sen ofrecer recursos e sen que os concellos teñan capacidade real de decidir sobre elas”. “A Xunta decide o modelo de servizo, fixa os estándares que considera oportunos, amplía obrigas e traslada a factura directamente aos concellos”, explicou en referencia ao sistema de prestación de servizos coma os comedores escolares, o mantemento e reparacións de colexios ou a conservación dos centros de saúde, entre outros moitos que suman “un custe esaxeradísimo” para as arcas municipais.
Criticou, por outra banda, que a Administración autonómica non ofreza o retorno que debera polos impostos que cobra pola xestión da auga, investindo en infraestruturas hidráulicas. “Non hai reinvestimento, pero o que si hai é unha discriminación e unha actuación discrecional”, asegurou, porque, sinalou, ese tipo de obras oriéntanse “significativamente” cara municipios “da súa mesma cor política”.
“Hoxe mesmo Rueda promete unha nova lei de Administración local e anuncia que prevé remitila ao Parlamento antes do verán. Iso si, antes de presentar o texto, xa avanza que a capacidade da Xunta en materia de financiamento local é limitada”, dixo o líder do PSdeG, que avanzou que activará unha serie de iniciativas para que o Goberno de Rueda contemple nesa norma, “como mínimo, unha revisión global das competencias impropias asumidas polos concellos e un reforzo do Fondo de Cooperación Local”.
Anunciou tamén que se lle esixirá a aprobación dun plan estratéxico de subvencións ás entidades locais “con criterios obxectivos de reparto” e a asunción do financiamento íntegro do custo do SAF, “garantindo a sustentabilidade económica e o propio principio de igualdade no ámbito territorial”. En paralelo demandará a redución dos convenios de concesión directa, “que se moven única e exclusivamente polo principio do dedazo favorecendo aos concellos do Partido Popular”. Besteiro sinalou tamén as “débedas históricas” da Xunta do PP coa Administración local, tras 17 anos de goberno “incumprindo”.
“Nese anteproxecto de lei que acaban de presentar hai unha disposición adicional primeira que é claramente significativa do seu espírito: di que a Xunta continuará asumindo de xeito progresivo a xestión dos servizos e competencias establecidos no Pacto Local asinado en 2006”, lamentou o líder socialista, que insistiu: “O PSdeG mobilizarase para que Rueda e o PP rectifiquen a inxustiza histórica no trato aos concellos”.