O Grupo Socialista esíxelle á Xunta que exerza as súas plenas competencias estatutarias en materia industrial para “impulsar e potenciar” o naval galego
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, trasladoulle hoxe á Asociación Clúster Naval Galego -Aclunaga- o compromiso do PSdeG co sector naval público e privado de Galicia.
Gonzalo Caballero, acompañado do voceiro de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, e da secretaria xeral do PSOE de Ferrol, Beatriz Sestayo, mantivo un encontro coa directiva de Aclunaga na que profundaron na situación de Navantia e das auxiliares de Ferrol.
Deste xeito, abordaron a construción das fragatas F-110 e a necesidade de obter carga de traballo no estaleiro público, así como o relativo ao dique cuberto para modernizar esta instalación industrial.
Na xuntanza tamén trataron a situación do sector naval privado da área de Vigo e as súas necesidades de financiamento ante a crise da covid.
Así, tanto Gonzalo Caballero como a directiva de Aclunaga coincidiron na necesidade dun plan industrial que dea futuro a Barreras, e tamén de dispoñer medidas que faciliten o pago da débeda de Barreras ás auxiliares de Vigo.
Con posterioridade, no pleno do Parlamento debatiuse unha proposta para esixirlle á Xunta que exerza as plenas competencias estatutarias en materia industrial na defensa do sector naval.