A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, lamentou o veto do PP a unha proposta socialista para modificar a Orde que regula a “tarxeta benvida” e que por un erro deixa a moitas familias adoptantes sen axudas. A responsable socialista advirte que a Xunta obriga a que as axudas se soliciten no mesmo ano do nacemento do neno, o que exclúe de facto ás adopcións.
Blanco respondeulle ao PP que “por moito que o goberno galego anuncie que vai modificar a posteriori a orde das axudas, o certo é que as familias que solicitaron as axudas en 2017 quedan sen elas”. Advertiulle ao PP que “votando en contra desta proposta consolidan a discriminación” e demostran que “non se trata nun erro, senón dunha cuestión política”.
Explicou que a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos ou adopción rara vez coincide no mesmo ano do nacemento do neno adoptivo. Sinala que mesmo nos casos de adopcións internacionais “resulta practicamente imposible que o nacemento e a resolución coincidan, debido aos trámites que levan implícitos”.
Blanco reclama que a orde da Xunta sinale que nos casos de adopcións “se teña en conta a efectos desta axuda a data da resolución administrativa, e non como ata o de agora a de nacemento”. Lembra que “a efectos xurídicos, sociais, civís e administrativos, a data da resolución definitiva marca para todas as administracións o nacemento de tódalas obrigas legais que leva a adopción” e solicita que sexa o mesmo para as axudas.
A responsable socialista presentou así as demandas tanto das familias afectadas como da propia Valedora do Pobo, que no seu informe correspondente a 2017 solicítalle á Xunta que modifique este requisito da Orde, unha alteración que para Blanco “debera caer de caixón”.