O portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, anunciou hoxe unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle ao goberno galego a mellora dos diversos problemas e deficiencias na sinalización e conservación nos distintos tramos do Camiño de Santiago.
Así o dixo logo dun encontro que mantivo, xunto coa portavoz de Política Municipal, Begoña Rodríguez Rumbo, coa Asociación Galega de Albergues Privados –Agalver-, a Asociación Solpor de Empresarios do Camiño de Santiago, Fisterra e Muxía, e coa Asociación Terras do Ulla e Tambre.
Os representantes destas asociacións relataron as deficiencias detectadas nos distintos tramos do Camiño, máis acentuadas canto máis se afastan de Compostela, e trasladaron o seu malestar pola falla de colaboración do goberno galego coas asociacións de cara á distribución de publicidade nos distintos tramos.
Tamén amosaron a súa preocupación pola falla de control e inspección do goberno galego diante da proliferación de establecementos non regulados ao longo do Camiño de Santiago.