A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, participa no VIII Cumio Europeo das Rexións e Cidades, que se celebra hoxe xoves e mañá venres en Bucarest. A responsable socialista foi unha das 100 responsables políticas escollidas de entre máis de 600 solicitudes enviadas dende toda Europa para debater sobre o futuro da UE e como involucrar aos cidadáns no proxecto a través dos entes locais e rexionais.
Blanco intervirá nos debates sobre os retos da UE para o reforzamento das políticas sociais, do emprego xuvenil, a inmigración ou o cambio climático, e participará tamén nun encontro convocado polo Partido Socialista Europeo –PSE- sobre a estratexia futura e as propostas progresistas de cara ás próximas eleccións ao Parlamento Europeo.
A responsable socialista intervirá en primeiro lugar no Cumio comunitario onde tratarán asuntos como a cohesión social nas rexións e cidades, un desenvolvemento harmonizado coa sostibilidade e a cohesión territorial como elemento de unión entre os cidadáns da UE. Tamén tratarán o impacto do Brexit no proceso europeo e os novos desafíos de cara ao fortalecemento da democracia europea e os instrumentos de participación cidadá a través das autoridades rexionais.
No simposio organizado polo PSE, pola súa banda, a responsable socialista participará para ofrecer a súa visión sobre a necesidade do enfoque progresista rexional na UE, que resulta “máis necesario que nunca diante do auxe das forzas xenófobas, racistas e autoritarias de estrema dereita” e contrapoñer un discurso de “progreso social, feminista e inclusivo”.