A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, lamentou o veto do PP a unha proposta socialista que lle esixía á Xunta un plan urxente de actuación contra o furtivismo que padece a Reserva Mariña dos Miñarzos, no Concello de Lira. A responsable socialista pedía este plan a través dunha proposición non de Lei na Comisión de Pesca que se celebrou hoxe no Parlamento de Galicia.
Toja esixiulle ao goberno galego actuacións decididas dirixidas a axilizar os pagos ás confrarías para desbloquear a contratación de vixilancia, afondar nas políticas de sancións tanto a infractores como a beneficiarios do furtivismo, e impulsar campañas de concienciación contra o consumo de produtos procedentes destas prácticas.
Criticou o desleixo do goberno galego, que se limitou a confirmar a escaseza de recursos na zona, pero sen tomar medidas para remedialo ou anunciar un número de inspeccións insuficiente, de apenas 20 ao ano, que “non alcanzan nin a dúas por mes”. Finalmente, a Xunta “limitouse a invitar aos concellos a contribuír á vixilancia a través dos seus propios medios”, o que supón “tirar balóns fora” porque “saben dos escasos recursos” dos entes locais.
A responsable socialista sinalou que esta Confraría, como outras moitas en Galicia, “non ten recursos para facer fronte á vixilancia, e a vixilancia por parte da Xunta é insuficiente, co que os furtivos adquiren máis poder fronte aos profesionais”. Advirte de que as subvencións para a contratación de persoal obriga ás confrarías a adiantar uns recursos dos que carecen, e ademais “sen garantía ante o compromiso de recursos financeiros” futuros.
Axudas da UE
Sinalou que os pósitos “carecen ademais de capacidade financeira para adecuarse ás tramitacións” que requiren as axudas da UE, que ademais “son con carácter vencido”, obrigando a adiantar os salarios e cotizacións á Seguridade Social mentres a Xunta resolve. Esta situación aboca ás entidades a impoñer EREs como ten sucedido en Rianxo ou Carril, logo de coñecer que non disporán desta axudas no futuro.
Puxo tamén como exemplo o caso de Lira, onde hai “unha enorme preocupación en relación co furtivismo, cando a situación, logo de mellorar, ten empeorado, polo que os profesionais senten unha enorme impotencia e abandonados”.