A viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Patricia Vilán, anunciou que a sesión de control ao presidente da Xunta do próximo Pleno centrarase na “astenia” na xestión de Feijóo. A pregunta do portavoz socialista tratará do balance dos dez anos da Executivo do PP e da falla de acción e da súa falla de impulso á fronte do goberno galego.
Vilán criticou a “xestión de mans caídas” e de, dixo, “máis que de ineficacia, falaría de incapacidade de xestión” para mellorar a vida dos galegos e das galegas cunha acción política lastrada pola “palabra do presidente que vale ben pouco”, remachou. Así o dixo logo da reunión da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do próximo Pleno do Parlamento, centrada na defensa dos dereitos das persoa, ademais das políticas medioambientais e da educación.
Sinalou que os socialistas galegos presentarán unha interpelación sobre as dificultades das mulleres galegas para “dispoñer do propio corpo e exercer a interrupción voluntaria do embarazo nun servizo público e de calidade”. Alertou das “dificultades estremas para abortar na nosa Comunidade Autónoma” polas derivacións á sanidade privada e mesmo a fóra de Galicia e alertou da “oleada de neofascismo” que ameaza con “reducir a liberdade da muller a elixir libremente”.
Escolas infantís
A responsable socialista presentou ademais unha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego un acordo coas organizacións sindicais para implantar escolas infantís para o persoal funcionario da Administración autonómica e unha moción para afrontar o fenómeno da soidade non desexada.
Tamén incluirán unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta a valoración da calidade arquitectónica das edificacións que queiran obter a excepcionalidade das condicións xenéricas de acordo coa Lei do Solo de 2016.
Vilán anunciou unha interpelación sobre a situación das artes escénicas de Galicia e unha pregunta oral sobre o proxecto de universidade privada presentada por Afundación Abanca. Finalmente, presentarán unha pregunta oral sobre o incumprimento por parte da Xunta dos compromisos de saneamento sinaladamente da ría de Viveiro, que poñen en risco os fondos Feder asignados pola Comisión Europea para o proxecto de saneamento.