A responsable de Facenda e Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe á Xunta de repartir “a dedo” e con criterios subxectivos entre concellos “amigos” un total de 22,5 millóns de euros en catro plans de infraestruturas e equipamentos durante os últimos dous anos. Así o dixo no debate dunha interpelación centrada no Plan de Infraestruturas Rurais 18-19, polo que Medio Rural repartiu 2,7 millóns de euros entre 65 concellos, 56 deles gobernados polo PP.
A responsable socialista equiparou este Plan co Hurbe 14-17, con 63 concellos beneficiados, o 93 por cento deles do PP, o Plan de Infraestruturas e Equipamentos, co que axudaroni a 75 conicellos -59 do PP-, ou o Plan de Creación ou Mellora de Infraestruturas e Equipamentos da Consellería de Medio Ambiente, polo que o goberno galego repartiu 4,3 millóns entre 19 concellos -15 do PP-. En total, estes catro plans suman os 22,5 millóns de euros.
Rodríguez Rumbo criticou a falla de seriedade demostrada no caso concreto de Medio Rural á hora de fixar os criterios de reparto das axudas, tal e como confesou o director xeral de Desenvolvemento Rural en Comisión, “eles van traendo e nós imos metendo en función da urxencia ou necesidade”. Sinalou que en realidade “priorizan o criterio subxectivo para colocar as axudas no PP agás algunha pequena excepción”.
A responsable socialista reclamou transparencia no reparto de axudas, e en definitiva que “muden as formas de actuar por un modelo propio do século XXI, onde non procede o escurantismo”. Sinalou que “non cuestionamos as obras nos concellos, pero estas poderían facerse exactamente igual cunha convocatoria pública á que concorreran tódolos concellos en igualdade de oportunidades, e non unha romaría de alcaldes e alcaldesas polo despacho do conselleiro”.