O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, criticou hoxe no Parlamento a “falla de desenvolvemento e concreción práctica” do Plan Move da Xunta. Así o dixo no debate en Pleno dunha Interpelación do plan estrela de infraestrusturas da primeira lexislatura de Feijóo que “naceu con obsolescencia programada”.
Álvarez advertiu que a día de hoxe, e dous anos antes do remate do principal plan para as vías de comunicación de Galicia, tan só teñen executado o 29 por cento. Sinalou que onde tiñan previsto construír 565 quilómetros de vías de Alta Capacidade –VAC-, tan só fixeron 163, ou o que é o mesmo, 20 quilómetros ao ano dende 2010, mentres o resto de vías, primarias, básicas ou complementarias, seguen “practicamente igual que en 2010”.
É o caso da VAC Brión – Noia, prevista para 2015 pero que non hai “nada feito”, tanto como na variante da Área Metropolitana de Santiago de Compostela e o seu cinturón Oeste, programado para 2020. A VAC Tui – A Garda, que apenas está iniciada, tiña que terse rematado xa en 2013, mentres da conexión entre Nadela e Sarria non hai “nada feito”, e coa VAP Costa Norte é “inenarrable o que pasa”, con “practicamente nada feito”.
O parlamentario socialista apuntou tamén ao programa de construción e conservación de estradas de Galicia, que nos orzamentos de 2009, os últimos elaborados polo goberno do socialista Pérez Touriño, contaba con 449 millóns de euros. Daquela cifra pasou, dixo, a unha primeira rebaixa en 2010 ata os 419 millóns de euros con Feijóo, que continuou recortando ata os 270 previstos para o ano 2019.
Resumiu que o dito Plan Move “como instrumento de propaganda política está moi ben e como instrumento de planificación pode ser aceptable, pero a súa concreción práctica é absolutamente lamentable”. Esixiulle á conselleira de Infraestruturas que explique “se teñen previsto realizar unha nova planificación” con novos prazos de execución e, en definitiva, “se o Plan Move mantén algún tipo de vixencia ou van rachar con el”.