O parlamentario socialista Martín Seco vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que desbloquee a homologación do Camiño dos Faros como Ruta de Gran Recorrido GR. Seco propón para elo a constitución dunha Mesa de traballo entre Xunta, Deputación de A Coruña, os 9 concellos da Costa da Morte polos que discorre esta ruta, así como a Asociación de turismo da Costa da Morte –CMAT-.
O responsable socialista explica que o Camiño dos Faros necesita desta homologación para o seu funcionamento, o que abre a ruta á xestión, protocolos de limpeza, sinalización, seguridade ou control medioambiental, para o que “debe existir un único sendeiro ben sinalizado para protexer o entorno e poñer en valor a Rede Natura”.
Explica que a Xunta de Galicia “non facilita a consecución da dita homologación, esencial para o futuro da ruta”, ata o punto de que a Asociación Camiño dos Faros, que promoveu un estudo de impacto ambiental, vén de deixar de ser promotor, desistindo da homologación, logo de 17 meses agardando pola resposta do goberno galego.
A Xunta solicitáralle o estudo á da dita Asociación en maio de 2016, que foi presentado en maio de 2019 logo de 3 anos de traballo, pero que ata o momento non foi respondido pola Consellería de Medio Ambiente do goberno galego.
A Asociación contaba co apoio decidido dos 9 concellos de Bergantiños e a Costa da Morte polos que transcorren os 200 quilómetros que integran a ruta, así como da Deputación de A Coruña, disposta a financiar o proxecto para a súa homologación que agora “atópase nun camiño sen saída por non chegar a dito fin”.