O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, dirixiuse hoxe ao presidente da Xunta a quen lle reclamou que “compareza máis no Parlamento e deixe de facer declaracións insensatas”. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do próximo Pleno do Parlamento, na que a sesión de control será substituída por unha comparecencia do presidente da Xunta para dar conta da xestión da segunda onda da pandemia.
O responsable socialista lamentou que o presidente da Xunta teña substituído as comparecencias parlamentarias por roldas de prensa nas que “da sobradas mostras de locuacidade e falla de lealdade” na xestión da crise. Aludiu así ás súas declaracións dicindo que o Estado de Alarma “xera Alarma”, que comparou coa situación de Portugal, onde “a ninguén se lle ocorre dicir que o Estado de Calamidade provoca calamidade”.
Arangüena aludiu así á comparecencia para dar conta dun “momento extraordinario dentro dunha situación extraordinaria”, e apelou a que “remate coa falla de transparencia” na xestión da covid. Sinalou que “non pode ser que levemos meses sen coñecer o número de rastrexadores” da covid, logo de que en campaña electoral o presidente da Xunta anunciara máis de 6.000 rastrexadores, unha cifra que sería desmentida polo conselleiro de Sanidade en setembro.
O responsable socialista chamou ademais a “rematar coa improvisación” demostrada polo goberno galego ao comunicar as restricións de actividade da pasada fin de semana cunha marxe de apenas 3 horas. A mesma improvisación que demostraron ao pedirlle ás escolas que elaboren plans de ensino non presencial en só 7 días logo de 7 meses despois de que comezara a pandemia, e cando mesmo se descoñecen as necesidades de reforzo de equipos informáticos dos alumnos e alumnas.
O próximo Pleno do Parlamento, explicou, incluirá unha interpelación do Grupo socialista sobre a falla de transparencia na información aos concellos respecto da incidencia da covid – 19. Tamén presentarán unha interpelación sobre a política da Xunta respecto do impacto da pandemia nos centros de atención residencial e para reclamarlle a mellora dos protocolos nestas instalacións, así como unha moción para reclamar o reforzo na contratación de profesionais sanitarios.
A sesión que comeza o martes incorporará unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta un plan de axudas directas a fondo perdido para paliar o impacto económico da covid – 19 no sector da hostalería en Galicia.
Financiamento dos concellos
Os socialistas galegos levarán ademais unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta que garanta fondos aos concellos para financiar as competencias que non lles corresponden para a xestión da crise do coronavirus. Reclaman así o incremento do Gondo de Cooperación Local e o establecemento dos criterios de distribución das subvencións ás entidades locais garantindo a transparencia.
Tamén lle pedirán ao goberno galego o recoñecemento do compromiso do Estado para satisfacer a “demanda histórica” da rebaixa das peaxes que derivan do prórroga da concesión da AP-9 a Audasa ata o ano 2048 por decisión do goberno de Aznar cando Feijóo formaba parte do goberno galego.
Finalmente, reclamaranlle ao goberno galego que garanta a atención sanitaria ás persoas con parálise cerebral e que explique as xestións para garantir a carga de traballo da planta de Siemens – Gamesa en As Somozas.