Categorías: Actualidade

Proposta para fixar por lei un máximo de consultas e un catálogo de probas diagnósticas

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe no Parlamento que o Pleno da próxima semana incluirá unha proposición de Lei do PSdeG “para a mellora da asistencia primaria no Sistema Público de Saúde de Galicia”, que suporía a reforma da Lei de Garantías e a Lei de Saúde. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces do Parlamento, que fixou a orde do día da sesión plenaria da próxima semana.

A proposta inclúe fixar un número máximo diario de consultas e procesos asistenciais para os sanitarios galegos, ademais de fixar un catálogo de probas diagnósticas que poidan solicitar os facultativos de Atención Primaria. Tamén propón darlle rango legal á figura das xerencias de Atención Primaria, suprimidas polo PP e que agora din defender, así como garantir os contratos de 2+1 anos para os médicos residentes, e fixar un cadro mínimo de persoal para os PAC.

Fernández Leiceaga explicou que a proposta socialista quere “establecer os compromisos adiantados polo Sergas como norma legal”, logo de que o PP acordara no último Pleno incrementar os recursos para a sanidade nuns “moi insuficientes” 17 millóns de euros este ano. Lembrou que foi o PP o que rexeitou a emenda á totalidade dos socialistas para incrementar as contías e desbloquear os recursos para “afrontar o cambio necesario na sanidade pública”.

O portavoz socialista explicou que estas propostas proceden das demandas da poboación e dos profesionais da sanidade pública, e esixiulle ao PP que “tome en serio á Atención Primaria”, logo da “resposta insuficiente” que está concedendo ás reclamacións e que está a provocar conflitos como o de Vigo. Lamentou que o goberno galego “faga moita alharaca e moito ruído, pero poucas noces en forma de recursos”.

Lembrou que a sanidade pública ten hoxe un total de 190 millóns de euros e 1.246 facultativos menos que en 2009, e “moitas menos noces en termos de cambios lexislativos”. Os socialistas presentarán tamén unha pregunta oral sobre a situación do transporte sanitario urxente, e a redución do persoal de ambulancias no Salnés, Monforte ou A Mariña de Lugo.

Institucións locais

O responsable socialista explicou que empregará a sesión de control ao presidente da Xunta do próximo Pleno para reclamarlle a Feijóo que “cambie o chip” na súa relación cos concellos e pase a un “marco de colaboración e non confrontación”, poñendo por diante “o interese xeral e non o interese partidario”. Sinalou que a falla dun ano para as eleccións autonómicas, urxe impoñer “novas pautas de relación cos gobernos locais”.

Fernández Leiceaga fixo un relatorio esquemático dos problemas que acumula Feijóo coas principais cidades de Galicia, como a paralización da Área Metropolitana de Vigo ou a Comisión de Investigación sobre o Marisquiño en marcha no Parlamento e “contra a autonomía local”. O mesmo sucede coa Intermodal de A Coruña, o Barrio da Residencia en Lugo ou as residencias postas en marcha pola Deputación daquela provincia, ou diversas iniciativas en Compostela.

O Pleno do Parlamento incluirá ademais unha proposición non de Lei para impulsar unha estratexia coordinada para a aplicación da Estratexia Europea de Investimento Territorial Integrado co obxectivo de reverter a regresión demográfica das comarcas galegas. Tamén presentarán unha interpelación sobre as consecuencias da suspensión xudicial do procedemento de contratación do servizo público de transporte regular de viaxeiros, que pon en perigo os prazos previstos.

Senador

Fernández Leiceaga afeoulle hoxe ao PP que teña bloqueado o nomeamento dos tres senadores que lle corresponden a Galicia por designación autonómica, un procedemento que podería terse producido mediante un pleno extraordinario do Parlamento galego antes da constitución das cámaras. Explicou que ao non se ter producido, están vulnerando os dereitos dos designados que “por exemplo xa non poderán formar parte da Mesa da Cámara”, ao ser constituída sen eles.

Reclamoulle ao PP “rapidez e normalidade” para resolver esta situación “sorprendete”, e reclamou así mesmo diálogo para resolver a “anomalía” da situación da Valedora do Pobo, que se mantén no cargo cunha sentenza do TSXG en contra por “arbitrariedade” e “desviación de poder” ao prepararlle un posto ad hoc á irmá do portavoz do Grupo do PP.

Explicou que a Valedora non conta xa co apoio do Parlamento, logo de que a súa petición de dimisión se resolvera con votos en contra e a abstención do PP, sen votos a favor dela, “e non cesou”.

Sobre a constitución das Cámaras que ten lugar hoxe, apostou por un goberno estable e con amplo apoio presidido por Pedro Sánchez, que permita afrontar os desafíos para España en materia de políticas sociais, incremento de dereitos e para resolver as cuestións territoriais. Explicou que Galicia resulta beneficiada pola “sensibilidade autonomista acreditada” do PSOE, que permite “conter as tendencias recentralizadoras da dereita”.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08