Marina Ortega e Gonzalo Caballero manteñen unha xuntanza cos responsables de EAPN-Galicia
A voceira de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento, Marina Ortega, e o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantiveron hoxe unha xuntanza con EAPN-Galicia, a Rede Galega contra a Pobreza.
Ao termo, Marina Ortega manifestou o “apoio” do PSdeG ás entidades do terceiro sector, ao tempo que pediu que se regule o seu traballo e se lle dea “obxectividade” aos recursos públicos que se lles asignan.
“Esta ten que ser a lexislatura na que se aprobe a lei do terceiro sector”, recalcou a deputada socialista, consciente de que estas entidades sofren “trabas” a causa da ausencia dunha regulación normativa autonómica.
“Na tarefa da reconstrución social é fundamental o recoñecemento ao seu traballo”, subliñou, partidaria de “institucionalizar e profesionalizar” o traballo destes colectivos.
Sobre todo, como dixo Marina Ortega, porque son quen mellor coñece “a casuística dos sectores máis vulnerables da poboación”.
Ao respecto, Daniel Bóveda, vicepresidente de EAPN-Galicia, incidiu en que o terceiro sector é “unha pata esencial para a reconstrución do benestar social e a igualdade” a consecuencia da crise da covid.
Por iso, apelou ao “consenso político” de cara a aprobación desa lei que lles dea “seguridade xurídica” no seu traballo; un obxectivo para o que EAPN vai abrir un dialogo cos distintos grupos parlamentarios e o goberno da Xunta.