O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, levou hoxe ao Parlamento o último informe de fiscalización do Consello de Contas que alerta, dixo, do “preocupante nivel de externalización e a máis que preocupante opacidade financeira” da Axencia Galega de Emerxencias –Axega-. Así o dixo na comparecencia do xerente do ente para presentar as liñas de actuación de cara a 2019.
Díaz Villoslada lembrou que foi o ente fiscalizador quen deu a voz de alarma logo de constatar o nivel de opacidade da Axega, que renunciou a atender aos requisitos financeiros entre os que contan a presentación dun plan de xestión anual ou un informe de auditoría.
Advertiu que este nivel de opacidade coincide co feito de que se trata dun ente que dedica á xestión externalizada practicamente a totalidade dos 8,6 millóns de euros dos que dispón de orzamento. É o caso, explicou, do 112, as estruturas tecnolóxicas e o mantemento do apoio loxístico, as principais áreas de actuación da Axega que absorben 5 millóns de euros e que converten ao ente nun “instrumento de xestión de servizos externos”.
Contra os alcaldes
Criticou que o responsable do ente teña aproveitado a súa intervención para responsabilizar aos alcaldes das eivas dos seus concellos en materia de emerxencias, obviando que o goberno galego ten competencias claras sobre o sistema integrado de emerxencias e Protección Civil, de acordo co artigo 10 da Lei de Emerxencias de Galicia.
Reprochoulle que teña renunciado hoxe a presentar as liñas de traballo da Axega para o ano 2019, que eran o obxecto da comparecencia e das que “apenas nin falou”, para proceder a “poñer a caldo ás entidades locais de Galicia, poñendo en tela de xuízo as responsabilidades dos alcaldes e alcaldesas”. Advertiu que “non queremos entrar nunha dinámica na que lle poderiamos lembrar a dimisión da concelleira do PP de Viveiro” logo da riada do día 18.
Díaz Villoslada reclamou unha comparecencia “para coñecer os plans de traballo dende a perspectiva dunha xerencia técnica” e non para “limitar a comparecencia nunha caza de bruxas da administración local de Galicia” que sirva para “escorrer o vulto” das responsabilidades da administración autonómica.