A deputada socialista Patricia Otero lamentou hoxe o veto do PP a unha iniciativa socialista para recuperar as prazas de médico e Profesional de Servizos Xerais –PSX- amortizadas polo goberno galego no Centro Social de A Pontenova, en Lugo. A responsable socialista reclamaba a substitución do facultativo xubilado e a reposición dun PSX para restaurar a situación anterior.
Otero denunciou o “maltrato” do goberno galego a este concello de Lugo, cunha poboación “moi dispersa e envellecida, e con máis dun terzo da poboación por riba dos 65 anos” co que require “unha atención próxima e áxil”. En lugar de reforzar os recursos, denunciou que o goberno galego négase a repoñer a praza de médico desocupada por unha recente xubilación, co que pasou de 3 a 2 facultativos, á que se engade a supresión de un dos dous profesionais PSX.
A responsable socialista alertou da infradotación dos recursos sanitarios neste concello, que debido a esta situación “a semana pasada mantivo un só médico para 2.400 pacientes”, polo que denunciou que o goberno galego se negue a repoñer os facultativos “nin sequera nunha situación de incapacidade temporal ou baixa profesional”.
Ademais, amosou a súa “preocupación” polo “illamento da realidade do rural” que teñen o goberno galego e o PP, que chegou a estimar “suficiente” que tan só haxa un PSX nun centro como o da Pontenova, con moita poboación maior de 65 anos. Sinalou ás dificultades dos pacientes para pedir unha cita por teléfono ou por internet, e teñen que desprazarse ao Centro de Saúde” nun territorio con “nulos medios de transporte público”.
Proposta
Os socialistas reclamáranlle hoxe ao goberno galego “garantir a correcta atención primaria no concello de A Pontenova mediante a contratación da substitución do facultativo xubilado e a reposición dun profesional PSX para equiparar a situación anterior”.