A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamoulle hoxe ao goberno galego que poña en marcha, a través de Portos de Galicia, os proxectos de acondicionamento das zonas portuarias de Covelo e Raxó, no Concello de Poio. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do Grupo Socialista que foi rexeitada polo PP na Comisión de Medio Ambiente.
A responsable socialista lamentou o desleixo de Portos de Galicia que, sinalou, “non toma nin unha soa decisión” para desbloquear o proxecto destes portos. As zonas portuarias precisan da urxente reordenación das zonas con tráfico rodado, tránsito peonil pola fronte marítima, dotación de zonas de estacionamento, rehabilitación de pavimentos, mobiliario urbano e sinalización e dotación de servizos.
Criticou que o propio Portos de Galicia aludira á dispoñibilidade orzamentaria, primeiro, e á falla de ubicación da depuradora, despois, como “parapetos para eludir unha actuación fundamental para Poio, coma se o Concello tivera competencia na depuración das augas”, sinalou.
Lembrou que o goberno galego e Portos de Galicia teñen feito caso omiso á moción aprobada no Concello en 2009 cos votos en contra do PP “demandando o cumprimento dos convenios asinados” para o acondicionamento das zonas portuarias, a pesares de que conten con autorización do Servizo Provincial de costas do Estado, que “xa permitiu facer un par de obras puntuais”.