A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamoulle hoxe ao goberno galego que abra o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 ás aportacións dos grupos parlamentarios. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión na que constatou o fracaso do goberno galego dos obxectivos do dito Plan, sinaladamente en emprego e revitalización demográfica.
A responsable socialista sinalou que “tamén queremos participar” en “tódalas medidas que se apliquen” para mellorar a xestión do goberno galego deste plan concibido supostamente para impulsar o crecemento económico, reducir o desemprego aumentar a produtividade e recuperar o crecemento demográfico.
Puxo en dúbida a eficacia do goberno galego á hora de cumprir cos obxectivos marcados, sinaladamente en canto á creación de emprego, xa que cando prevían crear 100.000 postos de traballo ata 2020, o que supón 16.600 cada ano, só acadaron unha terceira parte, con 6.200 novos traballos. Galicia creceu así 4,5 veces menos que o resto do Estado –un 0,59 por cento fronte ao 2,65 da media- ao mesmo ritmo de crecemento económico.
Tamén fracasou o goberno galego, dixo, á hora de conseguir a revitalización demográfica de Galicia, que fica en 1,1 fillos por muller de media, cando o obxectivo é achegarse aos 1,59. Ademais, advertiu que, ademais de ter perdido 95.000 habitantes dende 2009, por cada 100 menores de 20 anos hai 154,77 maiores de 65.