Categorías: Actualidade

Pablo Arangüena pídelle á Xunta que aclare o “presunto trato de favor millonario” á empresa da que é alta directiva e apoderada a irmá de Feijóo, que podería ascender a 25 millóns de euros

Pide ao Executivo galego que remita ao Parlamento unha relación detallada dos expedientes administrativos correspondentes aos contratos formalizados entre as empresas do Grupo Eulen e a administración autonómica e as súas entidades dependentes

O voceiro de Transparencia do PSdeG no Parlamento de Galicia, Pablo Arangüena, vén de pedir explicacións á Xunta do “presunto trato de favor millonario” á empresa da que é alta directiva e apoderada a irmá de Feijóo. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Institucional da Cámara galega, a través dunha pregunta oral ao goberno galego, cuxa contestación cualificou de “cortina de fume” ante a “falla de explicacións” por parte da Dirección Xeral correspondente.

Ao fío disto, o dirixente socialista pediu ao Executivo galego que remita ao Parlamento unha relación detallada dos expedientes administrativos correspondentes aos contratos formalizados entre as empresas do Grupo Eulen e a administración autonómica e as súas entidades dependentes dende que Feijóo se atopa á fronte da Xunta de Galicia.

“Terían sido en total 139 contratos dende 2009, a través de once consellerías e dezasete entidades da administración como o Sergas, Augas de Galicia, Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, CRTVG, Sogama ou as fundacións Semana Verde de Galicia, Deporte Galego e Cidade da Cultura. A estes, habería que sumar outros outorgados por concellos do PP”, explicou Arangüena, en referencia ás informacións publicadas nun medio de comunicación durante os últimos meses.

Segundo estas informacións, dende que goberna o PP de Feijóo, incidiu o socialista, “as adxudicacións da Xunta á empresa da irmá de Feijóo incrementáronse nun 360%” con respecto á lexislatura na que gobernaba Emilio Pérez Touriño, acadando os 37 millóns adxudicados ao grupo empresarial nos últimos 13 anos, o que supón un “aumento multimillonario”, que concretou en 25 millóns de euros.

HAI “INDICIOS DE ALGO MÁIS QUE UN TRATO DE FAVOR”

A isto, engadiu, “súmanse outra serie de indicios de algo máis que un trato de favor” como, exemplificou, un contrato adxudicado en 2019 ao Grupo Eulen polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a xestión de varios centros de día de atención a maiores e dependentes da comarca de Ferrol, no que o grupo empresarial “levouse o contrato cunha oferta que coincide ao céntimo coa doutra empresa competidora: 2.023.950,24 euros”.

“Non coincide nos millóns, nin nos miles nin nos euros, non, coincide nos céntimos de euro”, subliñou o socialista, o que significa, sinalou, “que unha das dúas empresas debeu saber con antelación a cifra que ofertara a outra empresa e a igualou porque alguén lle deu esa información privilexiada ou que ambas empresas pactaron presentar exactamente a mesma oferta”. “No primeiro caso, sería un delito e, no segundo, sería colusión para excluír a competencia, que é outra forma de corrupción”, sentenciou.

Doutra banda, incidiu, noutros casos “a empresa da irmá de Feijóo fai unha oferta económica case idéntica ao prezo de licitación, pero soamente cando non hai competidores porque cando hai competidores presenta un prezo máis baixo, o cal sería indicativo de que é informada de cando hai outras ofertas e cando non”.

Sumada a estas presuntas irregularidades, concluíu o socialista, “tamén hai contratos con Sogama que o Grupo Eulen se adxudica, a pesar de que a súa oferta está declarada polos técnicos como baixa temeraria”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

O Grupo Socialista esíxelle á Xunta unha ordenación axeitada da eólica para que Galicia non perda a oportunidade de liderar a transición enerxética

A voceira de Industria e Enerxía, Patricia Iglesias, sinálalle ao Goberno galego a necesidade de facer das renovables “unha prioridade…

19/05/2024 15:29

Nicolás González Casares reivindica o reforzo de Galicia na rede transeuropea de transportes e aplaude o investimento de 4.500 millóns de euros para o corredor atlántico

O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo sinala que “demostramos que o noso obxectivo é facer Europa dende Galicia e…

18/05/2024 11:38

Nicolás González Casares esíxelle a Xunta e PP que se sumen ao consenso na defensa do galego: “se o PP quere, o galego será lingua oficial en Europa en cuestión de meses”

Participa na manifestación na defensa da lingua celebrada en Compostela   O candidato socialista ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares,…

17/05/2024 14:16

Besteiro, na homenaxe a Luísa Villalta: “A defensa da nosa lingua é hoxe máis necesaria que nunca”

O secretario xeral do PSdeG lembra que os socialistas adiantaron no Parlamento o 11 de abril un gran pacto polo…

17/05/2024 13:31

O PSdeG constitúe o comité de campaña para as eleccións europeas

Nicolás González Casares, Lorena Guerra e Elba Veleiro forman parte da candidatura de España nas eleccións europeas do próximo 9…

16/05/2024 19:04

Carlos López Font esíxelle á Xunta que cumpra coa legalidade no transporte de viaxeiros por estrada

Denuncia a “escasa ou nula transparencia” por parte do goberno galego e alerta dun empeoramento no servizo   O portavoz…

16/05/2024 18:29