O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, confirmou hoxe que os Orzamentos do Estado inclúen os 48 millóns de euros comprometidos para a rexeneración da Ría do Burgo, 20 en 2021 e 28 en 2022. Arangüena mantivo un encontro cos mariscadores da ría, aos que lles garantiu a actuación e comprometeuse a demandarlle á Xunta que habilite axudas económicas mentres dure a intervención.
O responsable socialista salientou a importancia “vital” desta actuación para a actividade marisqueira que afecta a 80 postos de traballo directos, e que xa figuraba nos Orzamentos de 2019, rexeitados polo voto en contra do PP. Salientou que a partida “cumpre cunha reivindicación histórica” que fora incluída daquela polo compromiso do goberno do Estado con Coruña acadado polos socialistas galegos.
Arangüena sinalou que “este vai ser o goberno que leve adiante o saneamento da Ría do Burgo”, que amosa “o compromiso do goberno progresista co medio ambiente, compatible co emprego e coa xeración de riqueza”. Esta actuación de saneamento “permitirá aumentar a produción, que leva parada dende hai anos, e xerar riqueza e economía sostible”.
O tamén parlamentario socialista na Cámara autonómica mantivo un encontro cos representantes dos mariscadores, aos que lles ratificou o compromiso dos socialistas galegos coa rexeneración da ría e o apoio na súa reivindicación para acadar unha compensación económica no tempo que duren os traballos.
Sinalou que as compensacións aos mariscadores durante o tempo en que se prolonguen os traballos deben ser cubertas por quen ten a competencia exclusiva en materia de marisqueo, que é a Xunta. Explicou que a intervención de saneamento será asumida integramente con fondos procedentes do Estado e da UE, sen un céntimo dos orzamentos da Xunta, que comparte co Estado a loita contra a contaminación.
Apunta que tanto a Xunta de Feijóo como o anterior goberno de Feijóo “non fixeron nada durante os últimos 11 anos para impulsar o saneamento da ría”. Lembra que nos últimos orzamentos de Rajoy, correspondentes a 2018, unicamente figuraba un millón de euros para a rexeneración, mentres que nos de 2019 si que establecían 8 millóns de euros en 2019 e 15 para 2020.
Pablo Arangüena pídelle ao goberno do Estado que proceda a licitar a obra canto antes, para comezar cunha actuación que ten previsto prolongarse durante 26 meses, cun investimento previsto de 20 millóns de euros en 2021 e outros 28,5 para 2022.
“Agardamos que a rexeneración permita recuperar unha ría que é unha sombra do que foi, recuperando a producción marisqueira e o emprego ó mesmo tempo que se recupera o medio ambiente”.