A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, anunciou hoxe unha ofensiva parlamentaria para demandarlle á Xunta as axudas directas que están a demandar os representantes do pequeno e mediano comercio. Así o dixo logo dun encontro en Vigo co presidente da Federación Provincial de Comercio de Pontevera, onde asumiu o compromiso de trasladar as peticións deste sector á Cámara autonómica.
Gallego criticou o desleixo do goberno galego fronte á difícil situación que está a pasar o comercio de proximidade, “agobiados pola caída de ingresos derivada da crise, que dificulta enormemente afrontar os gastos fixos, como alugueiro ou enerxía”. En concreto, reclaman axudas directas do Executivo autonómico, que ten a competencia en comercio interior, así como un maior fincapé en campañas de apoio á compra neste comercio, especialmente de cara á campaña de Nadal.
A responsable socialista criticou ademais o “cinismo absoluto” dos representantes locais do PP, que están a criticar ao Concello “cando saben perfectamente que o goberno galego apenas move un dedo por estes comerciantes”. Criticou que teñan rexeitado no Parlamento as propostas presentadas polos socialistas galegos que logo piden en Vigo.
Lembrou que o pasado 17 de setembro o PP rexeitara unha proposición non de Lei coa que os socialistas galegos lle pedían á Xunta que “empregue os recursos públicos transferidos polo Goberno central na dinamización do pequeno e mediano comercio galego para que podan facer fronte á crise xerada pola expansión da covid-19”. Advertiu que “non sabemos onde meten os máis 300 millóns de euros que o Estado lle enviou a Galicia”.
Gallego apuntou que que “a Xunta dedica escasos recursos ao pequeno e mediano comercio, tendo en conta as urxentes necesidades do sector”, mentres demostra unha “despreocupación total polos comerciantes nesta etapa” difícil. Advertiu que as medidas previstas polo goberno galego resultan “totalmente insuficientes” e incluso “ínfimas” para os 30.000 comerciantes rexistrados en Galicia.