A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, cualificou hoxe de “escándalo e vergoña absoluta” o veto do PP a unha proposta socialista para que a Xunta garanta o dereito das persoas con discapacidade á Vivenda de Protección Pública. Vilán presentou en Comisión esta iniciativa para pedirlle ao goberno galego que seguira a recomendación explícita da Valedora, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista denunciou a “falla de respecto do PP polas persoas con discapacidade física ou mental” no debate desta iniciativa na que lle reclamaba á Xunta reverter a situación de desprotección xurídica na que se atopan numerosas persoas con discapacidade física ou intelectual á hora de acceder a vivendas de protección oficial.
Vilán apelou ao último informe da Valedora, que alerta de que “as persoas con calquera discapacidade física ou intelectual con medidas xudiciais non teñen dereito ao acceso a unha vivenda social ou de promoción pública”. Así sucede co decreto 253/2007 do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que limita o acceso ás vivendas de promoción pública ás persoas maiores de idade con plena capacidade de obrar”.
Desta forma incumpren o Real Decreto 1/2013 de novembro, de Dereitos das Persoas con Discapacidade, que garante “o dereito á igualdade de oportunidades e de trato, así como o exercicio real e efectivo de dereitos polas persoas con discapacidade en igualdade de condicións”.
Criticou que, por moito que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, lle respondera á Valedora que a reforma que lle pedía se faría a través do Regulamento de desenvolvemento da lei de Vivenda de 2012, este segue sen ser presentado.
Iniciativa
Os socialistas presentaron unha Proposición non de Lei na que reclaman cumprir coa “recomendación do Informe da Valedora do Pobo de 2018” dirixido a asegurar “o dereito ao acceso a unha vivenda social ou de promoción pública ás persoas con discapacidade física ou intelectual con medidas xudiciais”.
Lembra que dito informe defendía a necesidade de “mudar toda normativa galega, especialmente o decreto 253/2007, de 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo”.