O parlamentario socialista José Manuel Pérez Seco reclamoulle á Xunta que reinvista en Cariño parte dos beneficios que obtén polo movemento de mercadorías do seu porto. Pérez Seco presentou unha pregunta oral hoxe en Comisión na que lamentou que “Portos de Galicia tampouco fai que reverta no concello de Cariño o beneficio de ter o porto con maior movemento de mercadorías dos 122 de titularidade autonómica”.
O responsable socialista sinalou que “parte do que Portos de Galicia percibe polo movemento de mercadorías neste porto debera repercutir no Concello de Cariño”. Explicou que se trata do “porto máis importante dos que ten a Comunidade de Galicia, e tamén o que move o maior número de mercadorías comerciais en Galicia, maioritariamente dunita e madeira”.
A pesares da “falla de transparencia” de Portos de Galicia, que leva sen actualizar os informes de xestión publicados dende o ano 2013, citou datos publicados polos medios de comunicación en xaneiro deste ano, que cifran en 460.000 toneladas a mercadoría mobilizada polo porto. Isto supón máis dunha terceira parte –o 35,4 por cento- do total de 1,3 toneladas contabilizadas entre os 122 portos de titularidade de Galicia.
Dunita e madeira
Ademais, foi o porto que rexistrou un maior incremento porcentual no exercicio 2018, cun 20 por cento, cun elevado movemento derivado da explotación de dunita, un material empregado na fabricación de ferro nas industrias siderúrxicas de España, Bélxica, Italia e Alemaña.
Tamén rexistra unha importante circulación de eucalipto, por canto Ortegal ten a maior concentración de bosques desta especie de Europa, cunha capacidade produtiva por enriba do millón de toneladas anuais, que é destinada a papeleiras españolas, portuguesas e doutros puntos de Europa.