O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, denunciou hoxe as “escusas de mal pagador” para “impedir a regulación de prácticas anticorrupción en Galicia”. Así o dixo no debate dunha proposición de Lei do Grupo Socialista para regular e transparentar a actividade dos grupos de presión ou lobbies e as súas relacións co goberno.
Os socialistas reclamaron facer públicas as relacións destes grupos na tarefa normativa do goberno galego para “aclarar se a Xunta limítase a xestionar contas e se está a xestionar precisamente as contas que lle interesan aos grupos de presión”. Advertiu que a “obstinación” do PP de negarse a darlle transparencia aos contactos destes actores co Executivo “sementa de dúbidas a acción do goberno galego”.
Puxo como exemplo o caso de Ence, “paradigmático de portas xiratorias e interaccións” entre unha empresa favorecida pola xestión do PP e nutrida de altos cargos daquel partido entre os postos directivos. Advertiu que hai actualmente “moitos despachos coñecidos fichando a responsables políticos”, e puxo como exemplo Cuatrecasas ou Garrigues, e sinalou en Galicia o caso da patronal do xogo Cejuego e os seus contactos cos responsables políticos de cara á nova Lei do Xogo.
Díaz Villoslada reclamoulle ao goberno galego que siga o exemplo de outras comunidades autónomas como Navarra, Aragón, Cataluña, Castela A Mancha ou Valencia, que xa teñen regulado a actividade destes grupos, desbotando así o argumento do PP da falla de competencia autonómica para lexislar sobre estas actividades.
Reivindicou a intervención das institucións autonómicas para “adoptar as medidas necesarias para reforzar a lexitimidade do goberno e das institucións e reducir a percepción de corrupción sistémica”.
Aludiu así ao último Eurobarómetro, polo que o 77 por cento dos españois consideran que a corrupción é parte da cultura dos negocios, o 67 por cento sinalan que as conexións políticas son fundamentais para ter éxito, e o 91 por cento considera que hai excesivos vínculos entre diñeiro e política.
Proposición de Lei
Díaz Villoslada propuxo incorporar así á normativa galega “a regulación do que a doutrina denomina habitualmente pegada normativa, e que fai referencia á publicidade dos contactos que a Administración pública manteña cos grupos de interese” durante a elaboración das normas. Estes deberán reflectirse, dixo, “nun informe que se publicará no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia, co obxectivo de asegurar que a influencia sexa transparente e non desproporcionada”.
Reclamou así unha “correcta información” das prácticas destes grupos e supeditar a súa actividade ás esixencias de transparencia e a un código de conduta, diante do risco de que cheguen a ter un exceso de capacidade para influír no sentido das decisións do goberno.
O texto que presentou hoxe o parlamentario socialista establece un Rexistro de grupos de interese público e gratuíto, así como das súas actividades diante da Xunta de Galicia, ou a coordinación e control do relacionado con eles por parte do Valedor do Pobo. Tamén incorpora un réxime sancionador e mecanismos de colaboración coas entidades locais e co Parlamento de Galicia para promover a transparencia da súa actividade.