A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe ao goberno galego de entorpecer deliberadamente o traballo de fiscalización e prevención da corrupción do Consello de Contas. A responsable socialista criticou que a Xunta utiliza ao ente para “lavar a cara” mentres restrinxe os seus medios e dotación de persoal e obvia as recomendacións que presenta.
No debate do informe de fiscalización do Consello de Contas sobre a conta xeral de Galicia do ano 2016, sinalou o “incumprimento reiterado” das propostas emitidas polo órgano, que reclaman máis claridade sobre o nivel de endebedamento, unha adecuada planificación orzamentaria, ou transparencia sobre os gastos de financiamento. Ademais, lembra a necesidade de poñer en marcha un rexistro de entidades independentes, previsto pola Lofaxga dende hai 10 anos.
Rodríguez Rumbo lembrou que as entidades instrumentais dependentes da Comunidade Autónoma, á marxe do Sergas, xestionaron o 16 por cento do orzamento do gasto do sector público, un total de 1.609 millóns de euros, e 19 dun total de 108 seguen sen render contas.
O Pleno do Parlamento aprobou hoxe 3 propostas de resolución a iniciativa do Grupo Socialista, que inclúen pedirlle á Xunta que estableza nas axencias públicas os indicadores de xestión que permitan a súa análise por parte do Consello de Contas, tal e como determina a Lei de Funcionamento da Administración Xeral e do Sector Público de Galicia –Lofaxga-.
Tamén acordaron reclamarlle á Xunta que elabore un plan de traballo que facilite a participación das pemes na contratación pública autonómica e unha transacción para que a Xunta verifique o nivel de calidade asistencial da rede de centros de atención ás persoas maiores adscritos á Consellería de Política Social
Propostas de Resolución aprobadas hoxe:
-“Proposta de resolución núm. 17 do GP dos Socialistas de Galicia
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia, conforme ás esixencias da Lofaxga, a establecer nas axencias públicas os necesarios indicadores de xestión, para a súa debida verificación polo Consello de Contas.
-Proposta de resolución núm. 19 do GP dos Socialistas de Galicia
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a elaborar un plan de traballo 2019-2024 para facilitar a participación das pemes na contratación pública autonómica, en cumprimento do establecido na Directiva 2014/24/UE a propia Lei 14/2013, do 27 de decembro, de reestruturación do sector público autonómico sobre a división en lotes cando o obxecto dos contratos así o permita.
-Proposta de resolución núm. 18 transaccionada do GP dos Socialistas de Galicia
O Parlamento insta á Xunta de Galicia a continuar verificando o nivel de calidade asistencial da súa rede de centros de atención ás persoas maiores adscritos á Consellería de Política Social”.