A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, cualificou hoxe de “maquillaxe resesa” e “naftalina” a política de xestión de residuos do goberno galego. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Medio Ambiente para presentar no Pleno do Parlamento a política de xestión de residuos do goberno galego.
Os socialistas galegos censuraron unha política de xestión de residuos “propia de hai dous séculos” e reivindicou unha xestión eficiente en materia de residuos gaseosos, urbanos, plásticos ou industriais. Esixiu así “frear a perda da biodiversidade e a contaminación do aire, mellorar a xestión da auga e dos recursos naturais, mitigar e adaptarse ao cambio climático e usar os recursos con eficiencia, en lugar de facer política de xestión de residuos “como maquillaxe”.
Vilán criticou así que o goberno galego teña anunciado de novo a Estratexia Galega de Economía Circular, xa anunciada hai dous anos, así como a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que acumula un ano de retraso dende o seu anuncio. Ademais, advertiu que a Lei de Residuos e Solos Contaminados, xa anunciada como “inminente” en maio de 2018.
Normativa desfasada
Advertiu ademais que a “normativa da Xunta de Galicia sobre residuos está desfasada”, cando Sogama apenas recupera ou reutiliza o 5 por cento dos detritos que lle chegan, o que “nos separa infinitamente dos obxectivos marcados pola UE”.
Finalmente, criticou o anteproxecto de Lei de Residuos e Solos Contaminados, co que “acaban de descubrir a xerarquía comunitaria 11 anos despois” e que xa chega desfasada, sen referirse á contaminación dos solos de Galicia con amianto, da xestión dos plásticos agrícolas ou das redes do mar ou nos portos. Finalmente, cuestionou a “indefinición desa futura lei para os puntos limpos”.
Explicou que o organigrama do goberno galego en materia de residuos foi presentado en 2008 e “naceu obsoleto”, ao non estar acorde coa normativa aprobada pola UE no mesmo ano. Aquela estratexia, dixo, incluía 11 plantas de compostaxe das que “non puxeron a funcionar nin a primeira” porque, advertiu, “a realidade é que vostedes non cren na compostaxe nin a xestión de bioresiduos, vostedes só cren en Sogama e a valorización enerxética”.