O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, deu hoxe a voz de alarma fronte á intención do Grupo do PP de “colar” no debate da Lei de Acompañamento emendas a leis que non están incluídas na mesma. Desta forma, o PP quere modificar a Lei de Caza, a Lei do Consello Económico e Social ou o decreto que regula os Centros de Menores e a Atención á Infancia.
Logo de que a Mesa da Comisión de Orzamentos fixera caso omiso dunha queixa formal presentada polo Grupo Socialista, o portavoz confirmou que elevarán a queixa á Mesa do Parlamento diante dunha “innovación técnica” que ameaza con converter o debate de Orzamentos nun “sinsentido”. Advertiu que seguindo este exemplo “o ano que vén poderiamos aproveitar a Lei de Acompañamento para introducir emendas a todo o corpo normativo da Xunta”.
Advertiu que a decisión do PP “anula” aos grupos da oposición nunha situación de indefensión, reducindo de facto os seus dereitos para exercer as obrigas parlamentarias, xa que introducindo estas emendas a leis a priori non afectadas pola Lei de Acompañamento impide que o resto dos actores parlamentarios poidan emendalas á súa vez.
Fernández Leiceaga cuestionou hoxe esta “nova volta” a unha práctica, a de utilizar a Lei de Acompañamento como pretexto para modificar leis á marxe dos Orzamentos, cuestionada polo Tribunal Constitucional. A Lei de Acompañamento fora desterrada da práctica lexislativa polo goberno do socialista Pérez Touriño pero recuperada por Feijóo, que este ano a utilizará para modificar 35 Leis, 25 delas sen nada que ver cos Orzamentos.
Emendas ao articulado
O portavoz socialista presentou hoxe ademais as 120 emendas do Grupo Socialista á Lei de Acompañamento e ao articulado dos Orzamentos da Xunta, que serán debatidas a partir de mañá en ponencia e pasarán a Comisión na primeira semana de decembro. Estas emendas inclúen varias propostas para incrementar a transparencia, como a creación dunha Oficina de Control Orzamentario “en sede parlamentaria”.
Fernández Leiceaga advertiu que o que fixo o goberno galego desta volta é “coller os seus instrumentos de control propios e chamarlles Oficina de Control Orzamentario, e situalas nas propias consellerías”. Advertiu que “non ten sentido” facelo así, xa que estes órganos “deben ser independentes, como fai por certo o Congreso dos Estados Unidos”.
Tamén reclamou condicionar o uso do procedemento de concesión público – privada para impedir que sexa utilizado para financiar servizos públicos básicos, como ten feito o goberno de Feijóo co Hospital de Vigo ou como intentou facer cos PACs. Ademais propuxo incluír diversas limitacións, como un estudo previo que sinale a carga financeira que suporá este sistema e limitar os pagos en relación co conxunto do Orzamento.
O obxectivo é prever situacións como a do Hospital de Vigo, polo que os galegos e galegas están asumindo un xuro do 8 por cento, cando a débeda das administracións públicas rolda o 1 ou o 1,5 por cento. Isto supón que o Hospital Álvaro Cunqueiro ten un sobrecuste de 20 millóns anuais, ou o que é o mesmo: 500 profesionais sanitarios.
O portavoz socialista reclamou tamén incluír ás Fundacións Sanitarias no organigrama do Sergas, coa finalidade de frear unha “vía espuria de fomento da precariedade na sanidade pública”. Incluíu ademais 3 iniciativas para conseguir uns “servizos públicos máis asequibles”, que comezan pola redución do 20 por cento no canon de Sogama, suprimindo as condicións para a súa aplicación impostas aos concellos polo goberno galego.
Ademais, solicitou que o canon da auga se transfira nun 40 por cento aos concellos, para que así poidan reducir os custes de saneamento e polo tanto tamén o cobro aos veciños. Finalmente, propuxo implantar a primeira matrícula gratuíta no ensino universitario, unha medida de aplicación progresiva que tería un custe “asumible” polo goberno galego, que ascendería a 8 millóns de euros no primeiro ano.
Finalmente, reivindicou “democratizar” o procedemento de desburocratización que a Xunta contempla na Lei de Iniciativa Empresarial pero que reserva ás grandes empresas. Os socialistas propoñen rebaixar o limiar para facelo “accesible ás empresas pequenas”.
Autoestradas
Fernández Leiceaga reclamoulle ao goberno galego que “abrande” as peaxes das autoestradas propias, sinaladamente a AG-55 e a AG-57 en Vigo e A Coruña, logo da decisión “moi insuficiente” de reducir as peaxes no 50 por cento tan só entre as 12 da noite e as 6 da mañá. O portavoz socialista reclamou que a rebaixa sexa extensiva a tódolos condutores as 24 horas do día, continuando así no “proceso paulatino de abrandamento das peaxes”.