O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, alertou hoxe da “ameaza contra a lingua galega” que representa o proxecto do PP liderado por Pablo Casado. Álvarez presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento fronte á proposta de recentralización das competencias en materia educativa e da Lei de Linguas que quere facer do castelán lingua vehicular e recluír as linguas propias a un “uso opcional”.
O responsable socialista acusou ao PP de cuestionar “dereitos incuestionables e realidades fora de calquera debate partidista”, como no seu momento fixo Feijóo en Galicia rompendo o consenso lingüístico asinado con Fraga como presidente da Xunta. Sinalou aos estudos e informes elaborados pola RAG e varios organismos lingüísticos que apuntan ao Decreto do Plurilingüismo como causa da perda de competencia lingüística de galego – falantes.
Álvarez alertou do “risco certo” do discurso de Casado para o galego e as linguas cooficiais, como supuxo no seu momento os flirteos do presidente da Xunta e “destacados membros do goberno galego que se manifestaban xunto con Galicia Bilingüe en 2009”. Aquela organización lembrouille ao presidente da Xunta que accedera á Xunta “apoiándose na polémica” sobre a lingua e prometendo que a lingua de ensino sería elixida polos pais, o que foi desbotado polo TSXG.
Himno e adoutrinamento
O responsable socialista criticou que o conselleiro de Educación comparara o coñecemento do himno de Galicia co “adoutrinamento” dos rapaces e rapazas, ao que respondeu o propio portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, solicitando a lectura do artigo 1 da Lei de Símbolos de Galicia.
O presidente do Parlamento en funcións, Diego Calvo, negouse a dar lectura a un artigo que sinala que “a bandeira, o escudo e o himno de Galicia simbolizan a súa identidade como nacionalidade histórica”.
A polémica xurdiu logo de que Luis Álvarez lle reclamara unha valoración ao conselleiro de Educación das declaracións do máximo responsable do seu partido, que en setembro situaba a obriga dos profesores de coñecer a lingua propia como mostra de “endogamia” e o comparaba cunha sorte de “adoutrinamento do futuro dos nosos fillos”.