Paloma Castro censura a “total opacidade” e “obscurantismo” na xestión dos residuos por parte da Xunta: “Os datos de Sogama están máis ocultos que a fórmula da eterna xuventude”
O PP vén de vetar unha proposta socialista para instar á Xunta a establecer un regulamento específico que fixe directrices para a xestión de residuos sanitarios derivados da covid e o control do seu tratamento, depósito e desprazamento “en óptimas condicións e coas máximas garantías”. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento, logo de votar en contra dunha proposición non de lei do PSdeG neste senso.
A vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, censurou a “total opacidade” e “obscurantismo” na xestión de residuos por parte da Xunta de Galicia cando “os datos de Sogama están máis ocultos que a fórmula da eterna xuventude”.
Neste senso, censurou a “improvisación” na xestión, xa que “Sogama parece un pozo sen fondo” cando na primeira onda tratou 70 toneladas de residuos sanitarios procedentes dos centros adscritos do Sergas e, durante a terceira, o dobre, 139 toneladas. “Isto supón un incremento desproporcionado e non existe ningún tipo de regulamento”, sentenciou.
Castro lamentou que malia “ter pasado xa un ano” tralo comezo da pandemia, en Galicia “non se elaborou ningún protocolo ou regulamento específico” que estableza as directrices sobre a xestión de residuos, o sistema de almacenamento ou o tratamento dos mesmos, o que pode provocar unha “xestión irregular” que “comprometería tanto a saúde pública como o medio ambiente”.
Nesta liña, a socialista censurou o “incumprimento” por parte da Xunta de Galicia da Orde ministerial publicada polo goberno de España en marzo de 2020 para regular a xestión de residuos e obrigar ás comunidades autónomas a levar a cabo un balance sobre a xestión dos mesmos.
“É necesario que, dende o goberno da Xunta de Galicia, implementen medidas e normas para a xestión destes residuos sanitarios covid, co fin de acadar unha recollida e almacenamento seguro, e con todas garantías sanitarias”, aseverou a socialista.
Así, subliñou en que isto “non é só un problema de volume”, senón tamén pode supor “un gran perigo, derivado do alto potencial infeccioso do virus”.