O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, empezou hoxe en Camariñas unha visita pola Costa da Morte. Acompañado pola alcaldesa, Sandra Ínsua, o socialista puxo de relevo “o traballo do goberno local en defensa dos veciños e das veciñas” e destacou que “ten paixón, capacidade de xestión e un magnífico equipo”.
Dende alí, Gonzalo Caballero trasladou o seu “pleno apoio” á alcaldesa, e garantiu que “levaremos os proxectos importantes para Camariñas e para toda a bisbarra á mesa de todos os gobernos”.
No caso de Camariñas, o líder socialista abordou coa alcaldesa o desenvolvemento do litoral. Ademais, reclamou á Xunta que desenvolva “uns servizos sanitarios de primeira” no municipio e que dispoña mellores infraestruturas e máis frecuencias de transporte público para conectar ben esta bisbarra con Santiago e A Coruña.
Ademais, Gonzalo Caballero referiuse ao “proxecto persoal” da alcaldesa para recuperar a antiga lonxa e convertela nun museo, o dos naufraxios, que será “un referente en toda Galicia”.
CAMARIÑAS
Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, agradeceu a visita do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para coñecer as demandas da súa vila. “Sempre está ao pé do canón”, valorou.
En concreto, transmitiulle a necesidade de acometer melloras no paseo marítimo logo dos danos causados polo paso do último temporal, que afectou tamén a algunhas casas da contorna.
Gonzalo Caballero estivo hoxe tamén en Fisterra co alcalde, José Marcote; en Dumbría, co rexedor, José Manuel Pequeño; e visitando Corcubión co alcalde, Manuel Ínsua.
AXUDAS A AUTÓNOMOS E PEMES
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG puxo o foco tamén na importancia de que nesta fase da desescalada se poñan sobre a mesa axudas para os sectores afectados pola pandemia.
Por iso destacou a aprobación por parte do goberno de España dun paquete de 11.000 millóns de euros para contribuír cos autónomos e as pemes, que destina 7.000 millóns a axudas directas.
“Mentres a Xunta escatima, o goberno pon en marcha o paquete de axudas máis grande da historia”, remarcou Gonzalo Caballero, antes de apostilar que a contía que virá a Galicia supón aproximadamente “o dobre” en axudas directas do que puxo a Xunta dende o inicio da pandemia.