
Carmen R. Dacosta esíxelle ao goberno galego que “deixe de mirar para outro lado” diante da perda de dereitos das traballadoras do sector
A Comisión de Emprego do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que active os mecanismos de mediación laboral propios diante do conflito laboral no téxtil. A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Dacosta, esixiulle ao goberno galego que “deixe de mirar para outro lado” diante do conflito provocado no sector do téxtil polo convenio estatal das cadeas do sector impulsado pola patronal Arte.
A responsable socialista alertou de que o convenio que intenta impoñer a patronal, pensado para as grandes cadeas estatais do téxtil e o calzado, suporá “un retroceso claro en dereitos laborais consolidados” nun sector amplamente feminizado. Sinala que “custa entender que diante dun escenario así a Xunta non considere necesario nin tan sequera mediar”, e criticou que “falan moito de diálogo social, pero desaparecen cando aparece un conflito laboral real no noso territorio”.
A proposta aprobada hoxe reclámalle á Xunta que convoque reunións coas organizacións sindicais e empresariais para coñecer a situación directamente e facilitar espazos de diálogo, poñendo á súa disposición os mecanismos públicos de mediación e intermediación existentes en Galicia. Dacosta esixiulle “implicación” para “escoitar ás traballadoras” e que a Xunta “non permaneza desaparecida mentres milleiros de persoas ven ameazados os seus dereitos laborais”.
Dacosta explicou que as novas condicións que intenta impoñer a patronal permitirán ás empresas impoñer traballo obrigatorio ata na metade dos domingos e festivos, reducen as táboas salariais que hoxe teñen os convenios provinciais e elimina os límites a contratación a tempo parcial, incrementando a precariedade e dificultando de facto a estabilidade laboral.
En realidade desaparecerán as licenzas e permisos recoñecidos en moitos convenios provinciais, elimina o complemento do cen por cen nas baixas médicas e tampouco recolle os descansos dentro da xornada como tempo efectivo, aumentando o tempo real de traballo anual. Alertou de que permite cambios de horarios con mínima antelación, unha distribución irregular da xornada e inventarios fóra do horario, impoñendo unha flexibilidade extrema en contra das traballadoras.
A parlamentaria socialista esixiulle ao goberno galego que atenda ás necesidades dos milleiros de traballadoras afectadas en Galicia que verán deterioradas unhas condicións de traballo que xa viñan sendo precarias, co salarios modestos, dificultades de conciliación e alta temporalidade. Alertou de que este convenio supón un “cambio de modelo laboral” para impoñer unha “flexibilidade extrema e a perda de peso da negociación colectiva territorial”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a: