Categorías: Actualidade

O Parlamento aproba a iniciativa socialista para urxir á Xunta a resolver as “grandes eivas e deficiencias” no Centro Hospitalario de Conxo

Julio Torrado apela ao “dramático” novo informe sobre o centro asinado polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura no mes de xullo: “quítalle a vergoña a este goberno e ao Grupo Parlamentario que o sustenta”

O voceiro de Sanidade acusa ao PP de votar a favor en dúas ocasións anteriores a esta mesma iniciativa na Cámara galega, pero non facer nada ao respecto, “o que evidencia que para a Xunta e o PP o Parlamento é de balde”

O Parlamento aprobou hoxe por unanimidade a iniciativa socialista para urxir á Xunta a resolver as “grandes eivas e deficiencias” denunciadas polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura no Centro Hospitalario de Conxo. Ocorreu hoxe despois de que os tres grupos parlamentarios votasen a favor dunha proposición non de lei do Grupo Socialista neste sentido.

“O informe –do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura- píntanos a cara a todos, pero despois de tres anos neste debate, quítalle a vergoña a este goberno e ao Grupo Parlamentario que o sustenta”, sentenciou o voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, en alusión á ultima avaliación realizada no mes de xullo polo ente que xa puxera sobre a mesa que algúns pacientes levaban ingresados 50 anos no centro “sen control” e nunha situación “indigna” e “humanamente inaceptable”.

Neste sentido, subliñou en que “hai persoas que levan máis de tres décadas sen que ningunha resolución avale a súa situación conforme a informes técnicos, como así debe ser”. Así, lamentou que, cando alguén pasa máis de 30 anos pechado “entre catro paredes” e con tratamentos que “practicamente limitan toda a vontade cognitiva e conductual”, agora xa “é imposible que calquera avaliación diga que son plenamente reinsertables nunha sociedade”.

O ÚLTIMO E “DRAMÁTICO” INFORME

Ao fío disto, Torrado criticou a posición do PP cando “escoitei algún reproche sobre a falla de necesidade de estar fedellando no mesmo tema cando estaba todo resolto”; pero, a súa vez, o último informe do Mecanismo Nacional de Prevención de Tortura incide en que as condicións continúan sendo “dramáticas”.

Así, tal e como detalla o citado informe, o Centro Hospitalario de Conxo carece de protocolo de prevención de suicidios “axustado” á tipoloxía do centro, de rexistro de antecedentes dos pacientes ou dun protocolo de abordaxe terapéutica das adiccións. Ademais, o texto incide en que no centro continúan persoas ingresadas “sen control” durante décadas e que este limita as comunicacións co exterior das mulleres do módulo pechado ás que só as deixan facer unha chamada á semana e nin sequera dispoñen dun lugar para falar “con intimidade”.

“PARA A XUNTA E O PP, O PARLAMENTO É DE BALDE”

Con todo isto, o voceiro socialista acusou ao PP de votar a favor en dúas ocasións anteriores a esta mesma iniciativa na Cámara galega, pero non facer nada ao respecto, “o que evidencia que, para a Xunta e o PP, o Parlamento é de balde”.

Durante o debate da iniciativa, o PP aludiu a unha nova auditoría encargada pola Xunta e realizada durante o mes de agosto deste ano, xusto despois da visita dos técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura no mes de xullo, “da que o goberno galego se nega dar información”, censurou Torrado.

“Se medimos á nosa sociedade por como tratamos aos máis vulnerables, somos unha merda de sociedade”, sentenciou Torrado quen sinalou que “non hai maneira de coller isto por banda” xa que esta situación leva prologándose durante medio século.

Por último, o dirixente socialista urxiu á Xunta a non seguir “mirando cara a outro lado”. “Se queremos demostrar que a política vale para certas cousas, isto é unha cuestión de investimento, profesionais, vixilancia e poñer vontade”, concluíu.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08

Paloma Castro pídelle á Xunta que habilite a cobertura do espazo deportivo do CEIP Ponte Sampaio, en Pontevedra

Paloma Castro sinala que os escolares “merecen un entorno axeitado” e un espazo cuberto no que practicar deporte e que…

24/04/2024 12:41