Pablo Arangüena denuncia que o hospital de referencia da área sanitaria Coruña-Cee “está desbordado nas súas capacidades e pendente dunha ampliación dende hai moitos anos”
O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, demandou á Xunta á ampliación e renovación do CHUAC “con carácter inmediato” nunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento. Así, Arangüena denuncia que o hospital de referencia da área sanitaria Coruña-Cee “está desbordado nas súas capacidades e pendente dunha ampliación dende hai moitos anos”
Arangüena asegurou que “o presidente da Xunta se comprometeu en outubro de 2018, literalmente, a presentar o novo Hospital Público da Coruña, totalmente renovado nas instalación actuais e cunha ampliación do 50% da súa superficie”. Neste senso, o socialista lamentou que “dous anos despois, estamos ante outra de tantas promesas incumpridas por parte do líder do PP de Galicia”.
Doutra banda, o viceportavoz denunciou que “en datas recentes, a Xunta remitiu ao Concello da Coruña un borrador de convenio para a no cal, ademais de solicitar ás arcas municipais 22,2 millóns de euros e a cesión dunha parcela, solicítalle que renuncie ao cobro de impostos e taxas”. Ademais, lamenta que “o borrador enviado non concreta as obrigas económicas da Xunta nin os prazos de execución das infraestruturas, co que establece obrigas para unha das partes, pero non di as obrigas da outra”.
Para rematar, Arangüena destacou que a área sanitaria da Coruña-Cee abrangue 37 concellos, o que a converte nunha “das máis importantes de Galicia”, cuxo “hospital de referencia é o CHUAC”. Neste senso, lembrou que “a sanidade é unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia e os concellos galegos, entre eles o da Coruña, tiveron que asumir e financiar durante a pandemia abundantes obrigas impropias, engadidas ás que normalmente asumen”.