Julio Torrado urxe á Xunta a actuar para salvar o emprego de 125 familias: “A xente non come da busca activa de solucións, come das solucións”
O parlamentario arousán e portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe o “pasotismo” da Xunta ante o “inminente anuncio de liquidación” da conserveira Thenaisie Provoté, coñecida como Fábrica de Rons, e situada nos municipios do Grove e Mos. Fíxoo trala presentación dunha batería de preguntas para resposta oral na Comisión de Pesca e Marisqueo no Parlamento.
“Xusto no día no que sabemos que está en marcha o proceso de liquidación da empresa, a Xunta limítase a dicir palabras que soan ben, pero nada que poida solucionar o problema”, sentenciou o socialista quen amosou a súa “decepción” ante a “inacción” do goberno galego sobre unha situación que “ten un enorme impacto na comarca de Arousa”.
Nesta liña, reiterou que “hai 125 familias agardando a que a Xunta mova un dedo”, xa que “a xente non come da busca activa de solucións, come das solucións”.
Torrado lamentou que “logo de 7 meses, toda a maquinaria da Xunta ante un sector en claro crecemento e con índices de produción elevados e eficientes” só poida producir “respostas enlatadas” e “palabras baleiras”. Así, “ao final, coa súa actitude de pasotismo, o único que vai acabar meténdose en conserva son as súas respostas” porque só “están de miróns”, sentenciou o socialista.
“Non defendemos a nacionalización da empresa, nin plantexamos solucións populistas sobre o caso”, pero “entendemos que o goberno galego, por exemplo, a través do IGAPE, debe canalizar posibles solucións”, incidiu. Así, “a administración debe facilitar” o traballo ás empresas, reiterou Torrado.
O responsable socialista lamentou que a Xunta estea “na solución de que morra a empresa para que despois chegue un empresario e faga con ela o que queira”. Nesta liña, criticou a falla de “proactividade” do goberno galego que é quen “ten a capacidade de actuar” e “debe resolver o tema”.
Torrado reiterou a petición de información á Xunta sobre a situación actual da fábrica e as posibles solucións á problemática, dado que “os traballadores teñen unha información moi militada da Xunta”, tan só “a que se publica nos medios de comunicación”.
Por último, o responsable arousán lamentou que, malia que, inicialmente, os tres grupos parlamentarios “parecían estar de acordo” en defender a actividade empresarial na conserveira, despois, na Comisión do Parlamento, “o PP non quixo subscribir manter a actividade como mínimo co volume actual”.